AUTORA DE "ESCARLATINA, A COCIÑEIRA DEFUNTA": 6 MIL LIBROS VENDIDOS EN 5 MESES

Ledicia Costas: “A miña aposta por vivir da literatura está moi meditada”

Ledicia Costas: “A miña aposta por vivir da literatura está moi meditada”
Ledicia Costas
Ledicia Costas  

De Escarlatina. A cociñeira defunta publicáronse tres edicións en cinco meses. 6.000 libros. Varias críticas coincidían á hora de definir como “un clásico” a novela gañadora do último premio Merlín que non tardou en se incorporar a lista de honra do Ibby. Estes feitos felices súmanse a outra noticia non menos singular: a autora abandona o oficio de avogada e aposta en vivir da literatura. 


Tres edicións en cinco meses. Cal é o segredo de Escarlatina. A cociñeira defunta?

O libro saíu en outubro e por volta do Samaín rematouse a primeira edición. En Nadal voou a segunda e en xaneiro a editorial xa se meteu coa terceira. 6.000 exemplares en total. Cadrou moi ben e entrou tamén en moitos centros de ensino. O que fixen foi xuntar dous temas que me gustaban literariamente como son a cociña e a morte e o resultado foi este. Temos unha longa tradición arredor da morte e é raro que ninguén a tratase deste xeito desenfadado. Que sexa un libro de receitas tamén axudou á hora de ser tan ben acollido. 

-En varias críticas lin que falaban de Escarlatina como un clásico. Que opina unha autora de que definan así unha obra recén publicada?

Dá moita vertixe. O único que podo dicir é que me sinto orgullosa e satisfeita del. Se vai ser un libro que resista e perdure xa se verá. Ogallá acontecera mais sería pretencioso se fora eu quen o dixera. En certa medida, recibo este tipo de comentarios como unha recompensa a moitas horas de traballo. 

-Un recetario e unha novela arredor da morte. Como “maridan” eses dous mundos?

Trátase dunha historia rocambolesca, unha ruta gastronómica polo inframundo, con personaxes disparatadas. Trato de desmitificar o tema da morte. Ao principio de cada capítulo hai unha receita que confecciona o protagonista. 

" A día de hoxe os meus ingresos veñen exclusivamente da literatura. En xaneiro tiven o meu derradeiro xuízo e decidín deixar o oficio de avogada e meterme de cheo na escrita. Apostei por vivir disto". 

-A morte é un tema para a infancia?

Pensei nas historias que máis me gustaban cando cativa e decateime de que eran relatos de morte, de cementerios, de tumbas... Hai temas dos que non se fala, que son intocábeis e, ao meu ver, a clave está en atopar a maneira axeitada para facelo. De todas as historias que teño escritas esta é a máis fiel co meu imaxinario. Pensei que era bo facer unha novela de humor arredor da morte. Ao meu ver, a literatura non ten barreiras. 

-Desde que gañou o Merlín, non deixa de recibir noticias. A nova, que o libro entre na lista de honra do Ibby [Organización Internacional para o Libro Xuvenil, nas súas siglas inglesas], pouco despois de se saber que outra obra súa, Recinto Gris, se situaba na lista de mellores libros do mundo para rapaces e rapazas con discapacidade, tamén do Ibby. 

A verdade é que son moitas boas noticias moi seguidas. Están pasando cousas boas e para min é unha grande alegría mais a verdade é que procuro medir a información que vou dando porque por veces teño medo de aparecer en exceso. Entrar na lista do Ibby é unha inmensa sorte e formar parte con Recinto Gris nunha selección na que entran cincuenta ou sesenta libros foi a guinda da torta. Ao meu ver, é unha porta aberta á internacionalización, unha maneira de estar no mundo. Teño a sensación de que se me abriu unha fiestra importante. 

-En que mudou esta colección de boas noticias a súa relación coa literatura?

Pois en algo moi importante. A día de hoxe os meus ingresos veñen exclusivamente da literatura. En xaneiro tiven o meu derradeiro xuízo e decidín deixar o oficio de avogada e meterme de cheo na escrita. Apostei por vivir disto. Sempre fun moi cauta e asistín a todo o debate que se produce arredor das posibilidades da profesionalización. Levei ano e pico sobrevivindo da literatura e agora decidín dar o paso, curiosamente cando o sector editorial non goza da mellor das saúdes. Son prudente pero é a miña decisión. 

-É unha aposta persoal na que tamén asume os riscos?

Digamos que é unha decisión moi meditada. Desde hai anos tratei de compaxinar a avogacía e a literatura mais comprobei que o que me gustaba e o que me proporcionaba ingresos é a escrita que, aos poucos, íalle comendo espazos ao dereito. De xaneiro a maio sumarei máis de cen charlas en centros de ensino. Como avogada, ademais, os ingresos reducíranse moito coas novas taxas. Optei por deixar a pel na literatura e, se logo hai que buscar outra saída xa se pensará. 

-Esa decisión obriga a ter unha actividade pública maior?

Obriga. O pálpito xeral que a xente transmite é que non se pode vivir da literatura e eu, que teño moito de outsider, confío en que a base de traballo é posíbel. Neste momento teño a sensación de que as cousas veñen soas e imos ver que pasa a partir de agora. 

" "Un animal chamado néboa",  que sairá en breve,  está ambientado na segunda guerra mundial, en acontecementos reais que empreguei para construír un entramado de ficción. É posíbel que moita xente non me recoñeza". 

-O proceso de produción tense que tornar tamén máis intenso?

Tamén acontece. Eu estou a escribir constantemente e tento roubarlle espazo ao lecer. Estou nun momento en que lle dedico moitas horas a escribir e as historias vanse encadeando, nacen unhas con outras. Unha voráxine. Ás veces síntome arrastrada pola escrita. Antes deixaba repousar as personaxes, agora vivo nunha sorte de espiral na que son as historias as que me levan. En certa medida pode ser que os recoñecementos sexan tamén un motor. Conflúen moitas noticias boas e posibelmente iso estea empurrando. 

-En breve sairá publicada unha nova obra súa, Un animal chamado néboa, desta volta, para público adulto. 

A tendencia a etiquetar é grande e, nese sentido, eu aparezo como unha autora de literatura infantil e xuvenil mais escribo todo tipo de literatura e para todo tipo de públicos. Este libro sairá na primavera e non ten a ver co rexistro que emprego na literatura infantil e xuvenil. Trátase dun libro descarnado, moi duro e a xente vaise sorprender co cambio. Considérome escritora en xeral, no sentido máis amplo do termo. Se case toda a miña obra foi para publico infantil e xuvenil é tamén porque para min as lecturas que fixen nesa época foron moi importantes. Cando, con 14 anos escribín a miña primeira novela non era consciente de que estaba a crear unha obra de literatura infantil e xuvenil. Escribía libros, simplemente. Un animal chamado néboa está ambientado na segunda guerra mundial e leva á literatura distintos episodios como o cerco de Leningrado ou os bombardeos sobre Hiroshima e Nagasaki. Acontecementos reais que empreguei para construír un entramado de ficción. É posíbel que quen o lea non me recoñeza neste libro. 

-Con esta a punto de chegar ás librarías, que vai pasar despois? Volverá á literatura infantil?

Teño unha novela na cabeza, outra no ordenador e unha máis que teño que escribir. Vou escribir a “precuela” de Escarlatina de cara ao verán. Agora estou rematando un texto e despois quero meterme cunha novela que teño na cabeza. Calculo que teño historias para os vindeiros dous anos!!! E a iso sumámoslle que en breve vai saír outro conto infantil e que estou poñéndolle o lazo a unha novela xuvenil. 

-A esa actividade súmase o proxecto que presentaba no fin de ano, a revista Criaturas arredor da literatura infantil e xuvenil. 

Vou escribir a “precuela” de Escarlatina de cara ao verán. Agora estou rematando un texto e despois quero meterme cunha novela que teño na cabeza.

Ese proxecto non é só meu e, en concreto, ten moito a man de Daniel Landesa que está na orixe de todo. Agora estamos argallando o seguinte número que vai estar dedicado ao humor na literatura. Somos unha lingua minorizada e estamos a lanzar unha revista especializada en literatura infantil e xuvenil. Dixéronnos que posibelmente non fora rendíbel mais non nos importa. O proxecto é amplo. Temos a revista e os contidos que imos metendo na web, a nosa intención é seguir ampliando contidos con todos os colaboradores e colaboradoras. Trátase de tecer unha rede, unha sorte de tellado no que acubillarse os que traballan na literatura infantil e xuvenil. Ao noso ver había unha lagoa, un espazo baleiro que decidimos cubrir. Temos moita ilusión co proxecto.

-Os totalitarismos, o medo, a defensa da diferenza, ou o acoso informático son algúns dos temas das anteriores novelas... nada cómodos, por certo, para o público infantil e xuvenil. 

Defendo que a literatura ten que arriscar e fomentar a súa capacidade crítica. Como escritora teño a obriga de convidar a reflexionar sobre o mundo no que vivimos. Contra o que poda parecer, estes temas interesan. Unha estrela no vento leva trece edicións e eu comprobo como os rapaces viven con intensidade o tema da violencia e o racismo. Con O corazón de Xúpiter pasa o mesmo. A literatura é un instrumento para chegar á cidadanía e compre facer unha aposta responsábel.



x