Xosé Mª Lema regresa a Ponteceso para presentar a novela da Costa da Morte

Xosé Mª Lema regresa a Ponteceso para presentar a novela da Costa da Morte
Xosé Mª Lema
Xosé Mª Lema  

O escritor Xosé Mª Lema regresa máis unha vez á Costa da Morte para presentar a súa primeira novela, a obra na que recrea literariamente o seu territorio vital e de investigación.  O escritor presenta en Ponteceso Costa do Solpor (Xerais). 


Este venres, 25 de outubro ás 21:00 horas, na Libraría A Tenda dos Libros de Ponteceso, Xosé María Lema Suárez regresa a súa novela Costa do Solpor ao seu territorio orixinario. 

Con Costa do Solpor, Lema Suárez deitou en traballo literario toda a súa traxectoria de investigación histórica e etnográfica con referente privilexiado nas terras da Costa da Morte e os seus devezos literarios na novela histórica e de aventuras, en especial, de A illa do Tesouro de Stevenson, de quen a súa novela é continuación. 

En Costa do Solpor -título co que denomina a que sería coñecida como Costa da Morte- Xosé María Lema remóntase ao século XVIII para retomar a célebre novela de Stevenson reconstruíndo a viaxe de volta do navío para enmarcalo nun mundo de lendas da súa terra e tamén de terras atlánticas alén de Fisterra. 

Investigador na historia e a etnografía da Costa da Morte, de todos os seus traballos anteriores bebe a súa primeira novela, ideada hai máis de dúas décadas. “É o resultado da experiencia de toda a vida, da investigación, nela combínanse aspectos antropolóxicos, etnográficos e históricos”, sinalou nunha entrevista publicada na páxina da AELG na que o escritor móstrase debedor de autores de ficción histórica como Umberto Eco, Ken Follet ou Xosé Miranda. 

“Esta novela serviume para combinar personaxes históricas con outras de ficción desta zona que chamamos hoxe Costa da Morte e que eu literariamente denominei Costa do Sopor, o último lugar por onde se pon o sol”, explica Lema da orixe da obra na que buscou “facer unha novela ricaz en vocabulario evitando estruturas casteláns para que fora o máis enxebre posíbel”, o que o levou a rachar “quintais de papel” e volver unha e outra vez sobre cada un dos capítulos, reconstruíndo mesmo a fala fisterrá a través das personaxes.