XORNADA EN COMPOSTELA O 6 DE MARZO

Lembrar Luísa Villalta, poeta “de inequívoca pegada feminista”

Lembrar Luísa Villalta, poeta “de inequívoca pegada feminista”
A poeta Luísa Villalta. Foto: AELG
A poeta Luísa Villalta. Foto: AELG  

Cando morreu, en 2004, a poeta Luísa Villalta deixaba catro libros de poemas. Tamén varios ensaios, entre eles O outro lado da música, a poesía (A Nosa Terra, 1999), que reflexionaba sobre as súas dúas grandes paixóns. O Centro Ramón Piñeiro lémbraa este 6 de marzo na xornada Palabra de Muller, en Compostela.
 


“Villalta é unanimemente recoñecida como unha das voces máis destacadas da literatura e o pensamento en Galiza nas últimas décadas”, indican desde a organización, que coordina o crítico e secretario científico do centro Armando Requeixo, “poeta, narradora, dramaturga, ensaísta e tradutora, amais de virtuosa violinista, a súa obra marca un fito nas letras galegas do noso tempo”.

A escritora nacera na Coruña en 1957. Na poesía debutara con Música Reservada (Ediciós do Castro, 1989). Despois, deu ao prelo Ruído (Espiral Maior, 1995), Rota ao interior do ollo (Ediçoes Tema, 1995) e En concreto (Espiral Maior, 2004), talvez a súa obra máis acabada. “Hai un trazo que transversaliza de xeito integral toda a múltiple e vizosa escrita de Villalta”, engaden desde o Ramón Piñeiro, “o da súa inequívoca pegada feminista”.

“Só desde a asunción da loita a prol da igualdade de xénero e o apoderamento da muller é posíbel entender moitas das xeniais páxinas desta creadora extraordinaria”, consideran.

Así, o seu décimo quinto cabodano serve de escusa ao Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades -que recentemente recibiu o legado da autora- para Palabra de Muller, no salón de actos do pazo compostelán de San Roque.

O programa comeza ás 16.30 horas co introito musical a cargo do grupo vocal EntrElas e a violinista Paloma Diago Busto. A inauguración oficial correrá a cargo do secretario xeral de Política Lingüística Valentín García -de cuxo departamento colabora-, a de Igualdade Susana López Abella -a súa secretaría tamén fai parte do evento-, a nai e a irmá da homenaxeada -María Gómez e Susana Villalta- e mais o coordinador científico do Piñeiro e académico Manuel González.

Ás 17.00, unha mesa redonda moderada por Armando Requeixo discutirá o poliedro creador de Villalta. Participarán Estíbaliz Espinosa, que falará sobre a poesía; Inma Otero Varela, sobre a narrativa e o ensaio; Inma López Silva, sobre a dramaturxia; e Miriam Ferradáns, sobre a súa pegada nas novas xeracións. Ás 18.30 horas, as integrantes do debate e as traballadoras e bolseiras do Ramón Piñeiro -Belén Bouzas, Lara Rozados, Ana Bravo, Raúl Costas, Marina Garzón, Laura Gil, Ánxela Lema, Belén Poutón, Sara Vilar e Sonia Rico- lerán poemas da protagonista.

Ás sete, as autoridades clausurarán Palabra de Muller, cuxo ramo porá, de novo, a música de EntrElas e Paloma Diago.