A ANTROPÓLOGA MICHÈLE PETIT CONVIDA Á “LECTURA DO MUNDO”

Ler “para manter vivo un anaco da liberdade e do soño”

Ler “para manter vivo un anaco da liberdade e do soño”
Libros. Foto: cedida.
Libros. Foto: cedida.  

Ler “é forzar unha arte de vivir que fuxa da obsesión pola avaliación cuantitativa”. Ler “é manter vivo un anaco de liberdade, do soño, do inesperado”. “Para vivir, para pensar, para conversas dun xeito feliz, cómpre ter un pouco a cabeza”, acaba por concluír a antropóloga francesa Michèle Petit en Ler o mundo, o seu ensaio “a prol da literatura e a arte”.
 


Kalandraka vén de publicar a obra en versión galega de Fernando Moreira. O volume recolle sete ensaios, mais Limiar e Posfacio, en que Petit (París, 1946) debruza a súa “rebelión contra o feito de estar cada vez máis forzados ao defender as artes e as letras, ou mesmo as ciencias, a achegar probas da súa rendabilidade inmediata, como se esta fose a súa única razón de ser”. A lectura, ao cabo, como antídoto contra a sociedade do lucro.

ler o mundo cuberta

“A día de hoxe, a estandarización monteraia acadou unhas dimensións delirantes”, escribe no prólogo do libro, orixinal de 2014, “e só nos quedan autores próximos ao surrealismo para alarmarse”. Refírese a un artigo de Julien Gracq sobre Breton datado en 1996, en que chamaba a se opoñer “á inmediata estandarización monetaria de toda actividade humana”.

É nese contexto que Michèle Petit, cuxa bibliografía sobre a lectura é amplísima, xuntou os textos de Ler o mundo, concibidos inicialmente “para xornadas ou coloquios onde se reunían bibliotecarios, docentes, persoas que traballaban na promoción da lectura ou estudantes que se preparaban para estas profesións, en Francia ou noutros lugares de América Latina”.

Así, títulos como Variacións sobre tres termos: palabra, comunicar e narración, Os libros, a arte e a vida cotiá ou A educación artística e cultural procuran responder ás preguntas máis habituais coas que a autora topaba en congresos e conferencias: “Para que serve ler? Porque lermos hoxe? Por que animarmos os nenos a facelo? Cales son os alicerces da importantcia da literatura, pero tamén, en xeral, da transmisión cultural? Como se fai para fomentar o gusto pola lectura e as ctividades culturais?”.

“Teño sona, difícil de manter, de devolverlles a moral ás tropas”, di Michèle Petit, investigadora honoraria do Centro Nacional para a Investigación Científica de París, quen no epílogo do libro fai unha reivindicación da lectura como actividade sen obxectivos, e por iso contraria ás ideoloxías dominantes no neoliberalismo: “Aínda que os nenos aos que lles ledes historias non se fagan lectores, non é unha perda de tempo.Deixádelles os petos acugulados, enchédelles a mochila cun tesouro de palabras, imaxes e relatos aos que poderán recorrer para non sentirse espidos ou perdidos ante o que os rodea ou para enfrontarse aos seus propios demos. Axudádeos a crear lembranzas que recordarán pasado moito tempo”.

Nota: cuberta da edición galega de Ler o mundo, da antropóloga francesa Michèle Petit.



x