ENTREVISTA

"As Letras non poden transcorrer nunha liorta empobrecedora entre carballistas e carvalhistas”

"As Letras non poden transcorrer nunha liorta empobrecedora entre carballistas e carvalhistas”
Máiz, Pazo, Santalha e Dobarro coordinan o volume
Máiz, Pazo, Santalha e Dobarro coordinan o volume  
Após anos, vinte xa, de reivindicación social de Carvalho Calero, a Real Academia Galega decidiu, non sen polémica, dedicar o Día das Letras de 2020 a unha das figuras imprescindíbeis da cultura galega. Xa está á venda "Hei de entrar no meu povo", o segundo -o primeiro é "Á sombra de María Silgar. Carvalho Calero contra a historia única", de Xulio Pardo de Neyra, tamén en Edicións Embora- que sae do prelo logo de coñecerse a decisión da RAG. Falamos cos seus coordinadores. 

Xa está na rúa o libro "Hei de entrar no meu povo". Como se xestou o traballo?
Dous dos coordinadores do volume, con moitas outras persoas, colaboramos hai corenta anos con Medulio (organizador en decembro de 1981 da primeira homenaxe da sociedade galega a Carvalho), e logo con Artábria, co Concello de Ferrol (nomeadamente no 1990 e no 2010) e outras entidades na reivindicación da súa figura, un dos grandes vultos, sen dúbida, da vida intelectual e cultural da Galiza do século XX, malia que algúns e algunhas pretendesen, e aínda pretendan, negalo. Nós os catro e media ducia máis que asinamos este libro envorcamos moito máis esforzo de 2013 en diante, con ciclos de divulgación da obra e figura de Ricardo Carvalho, mais certos protagonismos e o nulo éxito na RAG da demanda de Letras galegas para el (sempre apareceu algunha pexa absurda que lle opór) foron deixando xente polo camiño, de xeito que no 2017 ficamos só nós os catro, que de febreiro a maio do 2018 argallamos actividades para lembrar Carvalho. A tal obxecto decidimos editar un libro que recollera as actividades do 2018, especialmente o acto final (coordinado por Xosé Manuel Pazo e Vítor Santalha) e tres das ponencias desenvolvidas: o historiador Bernardo Máiz dá conta en “Carvalho Calero e a política (1926-1990)” de como, despois de 1936-1939 e do silencio obrigado para quen estaba en liberdade vixiada, Carvalho seguiu manifestándose politicamente até no último dos seus escritos e actitudes. En “Ricardo Carvalho Calero, o estudioso da literatura”, Henrique Dacosta afirma que "representou todo para as nossas letras: Nom houvo faceta que nom tivera chegado a cultivar”; e o profesor Xosé María Dobarro Paz en “Lingüísta por mor dunha causa”, expón como Carvalho “desde mediados da década de 70 pasou a defender publicamente unha aproximación e reintegración da lingua galega na portuguesa”.


Hai varios colectivos, nomeadamente en Ferrol, a súa cidade natal, que levan moitos anos reivindicando un recoñecemento para Carvalho Calero. Como se sobrelevou o feito de que moitas das campañas organizadas para obter ese recoñecemento institucional -e tamén social- non acadasen os resultados propostos?
Con Artábria tamén andaron en Ferrolterra nesta reivindicación Medulio, o Ateneo Ferrolán, o Toxos e Froles, a Sociedade Artística Ferrolana, a Coordenadora de Equipas de Normalización Lingüística e un longo etcétera; o Concello ferrolán tamén armou un congreso sobre Carvalho no 2010, e aí estivemos sempre nós. Porén, como sinalabamos antes, foi medrando o cansazo, a decepción e o desleixo. Con todo, seguiron pola súa conta algunhas entidades. Nós, con posturas lingüísticas e políticas próximas mais diferentes, mantivemos a unidade de acción.

A que cren que se debe o cambio de opinión da Academia?
Na RAG e noutras institucións da cultura oficial demos con pouco acougo e moita prepotencia e soberbia. Mesmo nunha xuntanza no ano 2016 houbo que lembrarlle a certo directivo da Academia que nin eles, nin o Consello da Cultura Galega, nin outros entes endogámicos, tiñan o monopolio da cultura galega e, certamente, unha maioría dos académicos e académicas pensaba que as súas sucesivas negativas ao recoñecemento do ilustre ferrolán acabarían cansando os reivindicadores. Erraron. Esa inxustificábel postura estaba creándolle unha imaxe moi negativa á RAG, maior a cada paso, en sectores máis amplos da sociedade galega e nos ambientes culturais foráneos. Os académicos tamén están inseridos na sociedade e nos últimos anos era evidente que manter esa posición sectaria anti-Carvalho, estaba deixando a RAG illada, polo que había que mudar de estratexia, parar esa mala imaxe, ben merecida. A sociedade galega é hoxe maior de idade e ten capacidade para abrir debates sobre calquera tema. Os pícaros que viviron a incorporación da lingua galega no ensino están hoxe nos 40 anos ben cumpridos... Asemade, até hai un ano só un grupiño de académicas e académicos optaban firmemente por Carvalho para o Día das Letras, e foi o cambio na correlación interna de poder na RAG (non só na directiva), o absurdo da situación, certo oportunismo e, fundamentalmente, a presión exercida dende fóra o que levou á RAG a se decatar de que estaban perpetuando unha inxustiza e rectificar.

Que destacarían de Carvalho Calero? Que importancia ten para a lingua e a literatura galegas?
A súa figura vai alén do debate normativo. Como escribimos no libro, don Ricardo foi un galeguista que, ao longo de case sete décadas, desenvolveu un inmenso labor poético, narrativo, ensaístico, xornalístico, investigador, académico, docente, político... Unha persoa de honestísima traxectoria vital e profesional, desenvolvida en circunstancias adversas, marcada sempre por un profundo e permanente amor á súa terra, ao seu idioma e á súa cultura. Asemade, da súa man moitas galegas, galegos e foráneos puideron por vez primeira achegarse ao coñecemento científico do idioma propio da Galiza e da súa literatura.

Inevitabelmente, coa dedicatoria salta á palestra a cuestión do reintegracionismo, unha opción que ten máis partidarios que nunca. É así?
Si. Iso é así, mais a transcendencia desa opción na sociedade galega é escasa. Nós puxemos como título do libro “Hei de entrar no meu povo”, primeiro verso dun poema de Carvalho dedicado a Ferrol e publicado en “Reticências”, que completamos co subtítulo “Reivindicarmos Carvalho Calero”, as dúas frases coa ortografía e forma propias de don Ricardo, como cousa imprescindíbel diante de tanta hipocrisía institucional e tantas componendas. Para manter a concordia lingüística que el defendía, no libro nós respectamos todas as normativas; precisamente, recollemos da súa filla Vitoria que o seu pai quería “conseguir unha vitalización do idioma mediante a procura de formulas conciliadoras”.


Cren que este fito permitirá abrir a vía para a consecución dunha norma ortográfica en sintonía co resto da lusofonía?
Iso está xa acontecendo. mais nestes momentos o verdadeiramente preocupante é a perda progresiva de falantes, feito que non se amaña con ortografía ningunha. Primeiro normalicemos o uso habitual da lingua galega e despois normativizaremos, potenciando as formas coincidentes co portugués. Neste eido, don Ricardo, home ético que sempre actuou con honestidade, definiuse "pola vía que, en cada momento, creu que podía ser millor para a lingua e para o país”. Carvalho Calero foi (é) unha figura esencial de Galiza, marcada sempre por un fondo e permanente amor á nosa terra, ao noso idioma e á nosa cultura. Por tal, as Letras Galegas 2020 non poden transcorrer nunha liorta empobrecedora e cativa entre “carballistas” e “carvalhistas”, entre institucións oficiais e sociedade: don Ricardo debe ser coñecido nas súas ricas e complexas faces. En calquera caso, entendemos que após o 2020 haberá que seguir vindicando a figura inmensa de don Ricardo Carvalho Calero.