MONTSE PENA INVESTIGA SOBRE FEMINISMO E LITERATURA INFANTIL

“Un libro que fala de libros para cambiarmos o mundo”

“Un libro que fala de libros para cambiarmos o mundo”
Manifestación feminista en Compostela. Foto: Plataforma Galega Feminista.
Manifestación feminista en Compostela. Foto: Plataforma Galega Feminista.  

Máis alá do movemento social, o activismo e a política -institucional ou non-, o feminismo é tamén unha óptica. Un método. A profesora Montse Pena Presas (Sada, 1981) emprégao para se enfrontar ao corpus da literatura infantil e xuvenil galega. Parte das súas conclusións acaban de adoptar forma de libro, Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia.
 


“Por desgraza, nacer nena segue sendo 'nacer sendo menor'”, escribe no cabo do limiar da obra, editada por Laiovento, “mais os libros tamén son estupendas armas cargadas de futuro para tentar transformar esta situación. Velaquí, quizais, o propósito máis fermoso e máis utópico deste libro que fala de libros para cambiarmos o mundo”.

cuberta feminismos e literatura infantil e xuvenil

 

A partir da súa tese de doutoramento -dirixida por Dolores Vilavedra e Bieito Silva-, Pena Presas indaga en dirección a unha das súas inquedanzas: “Saber se nos últimos anos, as narracións achegaban a posibilidade ás rapazas de deixar de ser 'menores' que os seus homólogos varóns”. E inicia o seu percorrido da man de dúas autoras, Marilar Aleixandre e María Reimóndez, entre “as máis comprometidas con amosar outros modelos de mulleres nas obras literarias”.

 

A propia Aleixandre explicaba como a falta de “protagonistas femininas” na literatura infantil e xuvenil a levou a confeccionar o seu célebre A expedición do Pacífico (1989). Reimóndez, pola súa banda, decatouse de que “había tan poucas protagonistas” en que mirarse que chegou “á conclusión de que o mellor era ser un neno”. Ambas as dúas escritoras son citadas por Pena Presas na introdución en que expón “os motivos dun estudo coma este”.

 

Que son variados e, ao tempo, relacionados. A fusión entre crítica literaria feminista e estudos de literatura infantil. O impacto do feminismo como movemento social. Os novos xeitos de representar a feminidade. A reconfiguración do que significa ser neno nas obras literarias. Con esas motivacións, o ensaio organízase en dúas partes, Movemento feminista, coeducación e crítica da literatura infantil en Galiza, e O impacto dos feminismos na literatura infantil galega.

 

Feminismos e literatura infantil e xuvenil en Galicia explora un territorio ancho, en crecemento e mutación. É análise literaria con tres obxectivos confesos: “Estabelecer un corpus teórico que poña de manifesto a vinculación entre o feminismo e os estudos LIX; visibilizar o papel que os grupos feministas e de mestras tiveron na procura dunha educación igualitaria a través dos manuais e dos contos; analizar os textos literarios e ver en que medida estes se viron influenciados polo movemento feminista”.

 

“O poder da literatura non unicamente reside na capacidade de que poidamos soñarnos distintas, senón en que nos capacita, a través da imaxinación, para situarnos no lugar de aquelas e aqueles que nunca seremos”, di Montse Pena nas conclusións, antes de pechar cun resumo: “Este volume é tamén un convite a ler e a axudar a ler criticamente, achegando estratexias concretas, a poder ver os pousos, a xestionar enreixados e, sobre todo, a poder bailar cos zapatos de claqué de quen non somos sen deixar de recoñecer os nosos”.



x