O libro galego que censuran en Venecia 

O libro galego que censuran en Venecia 
 Luisa Aguilar
Luisa Aguilar  

O libro Orellas de Bolboreta publicado pola editorial galega Kalandraka é un dos 49 títulos que o alcalde de Venecia eliminou de garderías e escolas de educación infantil por estar na listaxe do programa “Ler sen estereotipos” do anterior goberno municipal. Unha campaña na rede conseguiu 30.000 apoios en tres días e fixo que o ministro de  Educación, Davide Faraone, desautorizara o alcalde. 

 


Orellas de Bolboreta, a historia de Mara, unha nena que foi educada na igualdade e a autoestima, é un dos 49 títulos que o novo alcalde de Venecia, Luigi Brugnaro decidiu retirar da programación de garderías e escolas municipais de Educación Infantil. O libro, escrito pola asturiana Luisa Aguilar e con ilustracións de André Neves, formaba parte do programa “Ler sen estereotipos” impulsado polo anterior goberno local da cidade italiana. Unha campaña promovida na plataforma Change.org sumou en tres días máis de 30.000 apoios e fixo que o propio Ministro de Educación, Davide Faraone, desautorizara ao alcalde. 

Segundo informa a editorial, a decisión do alcalde de Venecia provocou grande polémica en Italia, en especial, polo mundo que se move arredor do ensino e a literatura infantile  xuvenil. Como iniciativa de protesta botouse a andar unha campaña na plataforma Change.org coa que se xuntaron apoios para reclamar ao goberno central que terciara no asunto e que se dirixira directamente ás escolas infantís para desautorizar ao rexedor municipal, o que finalmente se conseguiu. 

Kalandraka súmase á campaña                                                 

A editorial Kalandraka sumouse e ás críticas do mundo do libro e a docencia ademais de organizacións pro dereitos humanos que se promoveron tanto en Galiza e como en Italia e denunciar a censura por parte do goberno municipal de Venecia. Na polémica interviu tamén a concelleira de Dereitos Civís e Loita contra a Discriminación no anterior mandato, Camilla Seibezzi, para defender que os libros do programa “Ler sen estereotipos” seleccionáronse “coidadosamente” por parte dun equipo de especialistas en psicoloxía e pedagoxía. A editorial Kalandraka parabenizouse da resolución final da polémica, e agradeceu o "apoio e a solidariedade" de todas as persoas que se posicionaron contra a censura. 

A obra publicada por Kalandraka, a editorial con sede central en Pontevedra, fora seleccionada para o Plan Nacional de Lectura en Portugal e finalista en Italia do Premio Nacional Cittá di Bella. Como acontece con outros títulos do fondo da editorial, Orellas de Bolboreta foi publicado por Kalandraka en portugués, galego, castelán, éuscaro, catalán, inglés e italiano.