PREMIOS DO MINISTERIO DE CULTURA

Un libro de Kalandraka, a obra infantil mellor editada do Estado

Un libro de Kalandraka, a obra infantil mellor editada do Estado
Cándido e os demais levou hai practicamente un ano o premio Compostela de álbum ilustrado. A obra, escrita por Fran Pintadera e debuxada por Christian Inaraja, é agora distinguida de novo: como o libro infantil e xuvenil mellor editado no Estado en 2018 nos premios do Ministerio de Cultura.

cara de velocidadePublicada por Kalandraka, a editorial convocante do Compostela, Cándido e os demais “aborda o tratamento da diferenza e a diversidade”. Como resultado daquel premio, en que participa o Concello de Santiago, apareceu en sete linguas, as cinco peninsulares, inglés e italiano.

Mais non foi este singular Cándido o único libro de Kalandraka sinalado polo Ministerio de Cultura. O terceiro libro infantil e xuvenil mellor editado foi Cara de velocidade, un volume de poemas dirixido ao lectorado máis miúdo obra de Marga Tojo e ilustrado por María Hergueta e no seu día Premio Internacional Cidade de Orihuela de Poesía para Nenas e Nenos.

Os Premios aos Libros Mellor Editados do Ministerio de Cultura teñen cinco categorías. Os correspondentes a 2018 valoraron 145 obras. Non teñen dotación económica. O xurado presidiuno Begoña Cerro Prada, subdirectora xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas, e participaron as seguintes vocais: Alfonso Méndez Portabales, Arsenio Sánchez Hernampérez, Esther Vilas Toledo, Antonio Mª Ávila Álvarez, Carmen Pérez-Santamarina Sanahuja, Sandra Cendal López e Almudena Hernández de la Torre Chicote.