PRAZA DOS LIBROS DO 11 AO 14 DE XULLO

Os libros anegan as rúas de Carballo

Os libros anegan as rúas de Carballo
Un mural en Carballo. Foto: cedida.
Un mural en Carballo. Foto: cedida.  

Catro xornadas dedicadas aos libros e danos colaterais -presentacións, sinaturas de autoras, concertos relacionados, obradoiros, pintura nos muros- conforman a Praza dos Libros de Carballo. Da quinta feira 11 de xullo ao domingo 14 no Xardín Municipal serán protagonistas.


Un pregón da escritora e tradutora María Reimóndez abrirá o encontro ás 12.30 horas da quinta feira. A nena e o grilo máis aló de Magín Blanco, unha conversa entre María Canosa e Concha Blanco e As mulleres da fin do mundo de Daniel Asorey fan parte do programas.

Xa de sexta feira presentarase pola mañá Cociñando con bolboretas no bandullo, de Diana Fernández e David Díaz. Xoán Curiel actuará a partir de Canta miña pedra canta: homenaxe a Antonio Fraguas. Infamia, a última novela de Ledicia Costas, e Unha historia da música en Galicia. 1952-2018, de Fernando Fernández Rego tamén contará con presentación e presenza das autoras na Praza dos Libros.

O sábado comezará cun obradoiro de banda deseñada a cargo de Manel Cráneo, o concerto infantil de Pakolas e mais a presentación de Diario sen datas dunha aborixe galega, de Diana Varela. Pola tarde haberá sinaturas de libros, unha visita guiada polos muros pintados da vila e, xa de noite, concerto de Treixadura.

O domingo a programación será máis densa. Nas cortinas do tempo de José Antonio Andrade, Contra todo isto e Vivir sen permiso e outras historias do Oeste de Manuel Rivas, As Ramonas de Ana Cabaleiro e Un peixe no parqué, de Ramón Vilar serán as presentacións da xornada. Haberá ademais sesión vermú con Aldaolado e un concerto infantil de Oviraval.

A Festa dos Libros de Carballo organízaa o Concello e conta coa colaboración da Fundación Luis Calvo Sanz e Panadarías de Carballo. No arquivo anexo pódense consultar actos e horarios.