Libros con... para conmemorar o 23 de abril

Libros con... para conmemorar o 23 de abril
Berbiriana
Berbiriana  

“Berbiriana” é o nome da libraría máis nova da Galiza. Abriu as súas portas hai apenas unha semana na Coruña e ofrece libros con... grolos.  Achegámonos neste Día do Libro ao novo establecemento que segue a estela de Linda Rama na Coruña, Numax en Compostela ou Mishima en Vigo. 


Dous días antes da recente inauguración de Berbiriana, pechaba na Coruña a libraría Nova Colón. Malia iso, as súas promotoras, Alejandra de Diego e Cristina Barbeito non se deixan vencer polas dificultades do momento e confían no futuro de Berbiriana, unha libraría que conta colgar hoxe mesmo, Día Internacional do Libro, o cartel na porta que identificará o novo espazo para a cultura na cidade. 

“Eramos conscientes de que son tempos complexos para a venda de libros mais a n´so apaixónanos. Estudamos a modalidade e penamos que poderiamos centrarnos nun catálogo escollido centrado na narrativa complementado cunha pequena parte de infantil e títulos seleccionados con cine, música, biografía, feminismo e cómic”, explica Cristina Barbeiro, á fronte da libraría neste Día do Libro, unha das primeiras xornadas de portas abertas. 

Café, cervexas, libros e zumes

Optaron por un formato que coñecían do seu tempo fóra da Coruña. Alejandra era habitual de “Tipos infames” en Madrid e Cristina visitaba con asiduidade “Sahiri” en Valencia e “Sophos” en Guatemala e a experiencia gustáballes. “O proceso de creación foi longo, levamos desde setembro e só abrimos agora en abril. A selección do catálogo e do local foi o máis complexo. Optamos tamén por reducir a oferta de cafetería a café, viño, cervexas e zumes naturais, limitamos para centrarnos máis na libraría mais somos conscientes que a parte dos “grolos” fai máis viábel o proxecto”, explica Cristina Barbeito ao tempo que anuncia que en breve concretarán un programa de actividades culturais que irán desde presentacións de libros, a cata de viños, contacontos ou pequenos concertos acústicos. 

Aportan ao establecemento a súa paixón polos libros e o que, ao seu ver, é o gran reclamo das librarías de sempre, o contacto cos lectores e lectoras, seren, dalgunha maneira, “libreiras” de cabeceira das persoas que se están xa a achegar a esta nova libraría da Coruña, na rúa Santiago. 

De querer brindar este 23 de abril polo futuro do libro, non é Berbiriana só o único espazo con condicións acaídas para facelo. Na Cidade Vella, no outono abriu o seu establecemento Linda Rama, unha libraría que arrincou cun dinámico programa de actividades e a posibilidade de compartir café ou copa con libros. “Somos complementarios e, ao noso ver, cantos máis sexamos, mellor...”, comentan desde Linda Rama. 

Tamén con películas

Non son estas as únicas novas fórmulas de librarías que abriron nos últimos meses no país. En Vigo, abriu en xaneiro Mishima. Café do Libro, tamén coa sección de hostalería como complementaria e co libro como protagonista.   

En Compostela, o libro ofrécese con películas na libraría Númax, o espazo cultural que conta cunha nova sala coa que se devolveu o cine en pantalla grande na cidade. Unha oferta de novidades editoriais xunto cun fondo de Literatura, Arte e Pensamento con especial dedicación ao mundo do cine cunha ampla presenza na rede como libraría virtual. Ademais de libros, a Númax pon á venda tamén un fondo de dvd ou blu-ray.