A BIBLIOTECA DE PEDAGOXÍA PUBLICA A FAMOSA CARTA DA ESCOLA DE BARBIANA

Libros para educar na emancipación

Libros para educar na emancipación

“Este libro non se escribiu para os docentes, senón para os pais. É un chamamento a organizarse. Os autores somos un grupo de oito rapaces da escola de Barbiana. Outros compañeiros nosos, que están a traballar, axudáronnos os domingos”. Este é o inicio dun dos máis célebres textos da pedagoxía emancipadora europea, Carta a unha profesora, orixinal de 1967 e cuxa versión galega vén de publicar a editorial Kalandraka.
 


A historia do libro é a historia da escola de Barbiana, en Vicchio, Mugello, a 45 quilómetros de Florencia, na Toscana italiana, e do seu promotor, Lorenzo Milani, escritor, crego, pedagogo, “un adiantado referente do catolicismo social”, segundo Antón Costa, director da colección Biblioteca de Pedagoxía que acolle o volume. Milani abrira o colexio en 1954 para ensaiar novos métodos de aprendizaxe contrarios á reprodución da diferenza de clase.

carta a unha profesora

“Era unha iniciativa concibida como un espazo de acción formativa para todo o alumnado da pequena e afastada parroquia campesiña de Barbiana”, escribe Costa na Nota de edición, “na procura efectiva de ser cidadáns informados e axentes activos na construción da sociedade democrática”. Mais cando aqueles cativos e cativas desembocaban no ensino superior, algo renxía. En 1965 e 1966, a profesora que os valoraba nos exames finais de primeiro curso do Instituto Magistrali Pascoli de Florencia -equivalente a Maxisterio- suspendía a rapazada de Barbiana.

Afeitos á reflexión colectiva e á análise crítica da realidade, as súas conclusións sobre o acontecido foron drásticas: “Coinciden en que daquela había nas escolas italianas unha moi forte desigualdade de oportunidades escolares, ao impoñerse mediante distintos mecanismos unha severísima selectividade social”. E deciden escribir unha carta á docente: 140 páxinas de imprecación contra a sociedade de clases e o seu sistema de dominación.

“Vostede non ha de lembrar sequera o meu nome. Suspendeunos a tantos! Mais eu si teño pensado moito en vostede, nos seus colegas, nesa institución que chaman escola, nos rapaces que vostedes 'rexeitan”, comeza Carta a unha profesora, “rexéitannos, bótannos aos campos e ás fábricas e despois esquécennos”.

“Nós lemos Carta a unha mestra en catalán, na tradución de 1968. Para os mozos antifranquistas relacionados coa pedagoxía, aquel foi un dos nosos libros de cabeceira”, lembra a Sermos Galiza Antón Costa, “e 50 anos despois da súa publicación aínda pode convocar lectoras e lectores, aínda pode convocar vocacións, porque explica, entre outras cousas, que paga a pena ser educador”.

Clásicos da pedagoxía emancipadora

Antón_Costa_Rico_(AELG)-1

Non se trata do único material vinculado ás correntes pedagóxicas progresistas que fai parte da Biblioteca da editorial Kalandraka. A Pedagoxía do oprimido (1968), do brasileiro Paulo Freire, os traballos sobre urbanismo para os nenos de Francesco Tonucci ou A imaxinación e a expresión artística na infancia (escrito nos anos 20 do século pasado), do pensador soviético Lev. S. Vigotski son outros.

A colección funciona desde 2014. “Xurdiu un pouco de maneira inesperada”, explica Costa, “aínda que eu había moitísimo tempo que pensaba en colocar libros internacionais de pedagoxía a dispor do lectorado galego”. O caso é que en 2013, propuxera ao Servizo de Publicacións da Universidade de Compostela a tradución de Democracia e educación (1916). Ao velo, a profesora Mónica Baleirón falou con Costa: buscaba a maneira de editar Tonucci. Kalandraka asumiu a idea.

A presentación de A cidade dos nenos, do italiano, en Pontevedra e Compostela foi, a finais de 2014, “un auténtico éxito de asistencia e de vendas”. Aí naceu a Biblioteca de Pedagoxía. Que xa programou os libros que publicará este 2019, entre eles un do pedagogo Celestine Freinet, comunista de simpatías polo anarquismo, “hoxe desgrazadamente esquecido, pero fundamental para os procesos de galeguización e renovación educativa do ensino nos anos 70 e 80”.

Todos os volumes da serie contan cunha nota introdutoria do propio Antón Costa e un epílogo a cargo dunha especialista. O da Carta a unha profesora é de Carmen Betti; a tradución, de Carlos Azevedo.

Nota: cuberta de Carta a unha profesora e mais foto de Antón Costa,director da Biblioteca de Pedagoxía, cedida pola AELG.