LA HABANA, CIDADE INVITADA DA SELIC DE COMPOSTELA

Os libros ocupan a Quintana dos Mortos

Os libros ocupan a Quintana dos Mortos
Imaxe da SELIC de 2018. Foto: Concello de Compostela.
Imaxe da SELIC de 2018. Foto: Concello de Compostela.  

Durante dez xornadas consecutivas, do 7 ao 16 de xuño, os libros ocuparán a emblemática Quintana dos Mortos de Compostela. A terceira edición da Semana dos Libros de Compostela (SELIC), mostra de libraráis e editoriais con 32 postos, contará ademais con La Habana como cidade invitada.
 


O programa do encontro comeza esta sexta feira, ás seis da tarde, co paseo guiado Dédalus en Compostela, a partir do relato de Vicente Risco. Á mesma hora, na carpa da praza que centraliza as actividades, o fotógrafo Eutropio Rodríguez presenta a colección Cámara Escura de aCentralFolque. Dúas presentación máis completan o primeiro día da SELIC: Permacultura (Catro Ventos, 2019) de Alexandre Grande, ás sete, e a tradución de Feminismo para o 99% (Catro Ventos, 2019), de Nancy Fraser, Cinzia Azurra e Tithi Bhattacharya, ás oito.

A cita, organizada polo Concello de Compostela e a Mesa do Libro da cidade, tamén publica unha colección literaria que, este ano, acollerá os gañadores da primeira edición do Premio SELIC: en narrativa Realness, de Fernando Epelde García, e en poesía A cidade e a chuvia, de Rafa Vilar. Ademais reeditarase unha peza do dramturgo Agustín Magán (Compostela, 1918-1998).

Os roteiros literarios serán outra das actividades estrela. Amais do de Dédalus, Xosé Antón Perozo dirixirá un “para descubrir as lendas veridicamente falsas de Santiago”, outro de Helena Villar Janeiro “arredor das palabras”, e outro de Inma López Silva “sobre a Compostela dos libros propios e alleos”. E os libros e as súas presentacións: haberá, entre outras, de José de Cora, Estevo Creus, Lucía Aldao, Paula Carballeira, Cristina Domercq ou María Xosé Porteiro.