Os libros que recomenda a crítica e os máis vendidos, dúas listaxes diferentes

Os libros que recomenda a crítica e os máis vendidos, dúas listaxes diferentes
Pedro Feijoo
Pedro Feijoo  

Os blogs dos Críticos Ramón Nicolás e Armando Requeixo ofrecen cada mes as súas listaxes de libros. Nicolás en “Caderno da Crítica” consulta a venda en librarías mentres Requeixo en “Criticalia” ofrece a opinión de cinco especialistas que fan crítica. Entre unha e outra danse moi poucos puntos de conexión. 


Os datos ofrecidos nas dúas listaxes para o recén rematado mes de marzo deixan a ver a distancia existente entre a opinión da crítica e o acollemento do público. Nin un só dos títulos máis vendidos nos distintos xéneros aparece nos máis recomendados pola crítica. 

Para o mes de marzo, a listaxe que recolle o blog do crítico Armando Requeixo contempla nos primeiros postos Rosalía de Castro, Imaxe e realidade de Fernando Pereira (Xerais), Xosé María Díaz Castro, Vida e obra, de Armando Requeixo, (Xerais) Grial 200 dirixida por Henrique Monteagudo e Vítor Freixanes, (Galaxia) e O sexo masculino dos anxos, de Manuel Janeiro (Galaxia).  Para a súa “Tabela dos libros” desde o blog Criticalia recóllese a opinión de Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo. 

O tempo e as coincidencias

Pola súa banda, o crítico Ramón Nicolás opta por consultar os puntos de venda para elaborar o seu "Taboleiro do libro galego"  que leva case dous anos publicándose. Neste caso, toma nota dos datos que lle subministran as librarías  Biblos, Librouro, Casa do Libro de Vigo, Torga, Couceiro, Andel, Aira das Letras, Paz, Trama, Cartabón, Á lus do candil, Carricanta, Suévia, Libros para Soñar e Abrente. Segundo esa información, A memoria da choiva de Pedro Feijóo (Xerais) resulta o que máis aceptación ten en narrativa, Penúltimas tendencias de Carlos Negro (Xerais) en poesía, A alternativa está aquí, de María Reimóndez en Ensaio, Ámote Leo A. Estación de tránsito (Xerais) en infantil e xuvenil, Pan de millo, de Kalandraka en álbum ilustrado, O bichero IV de Davila en edición de autor para banda deseñada e sinalan no apartado “outros” o último número da revista Luzes. 

Alén da distinta orixe, as dúas listaxes responden a dous momentos distintos xa que a crítica tende a opinar sobre libros moi recentes mentres a venda en librarías non se cingue a libros publicados no último mes. Mesmo así, compróbase que varios dos títulos que aparecen nos máis vendidos son de recentísima publicación. Son os casos do ensaio de María Reimóndez ou o libro de poesía de Carlos Negro que non se alzan co beneplácito do conxunto da crítica. Malia iso, algunha opinión de especialistas optou por situar, por exemplo, Penúltimas tendencias entre os seus preferidos como é o caso de Montse Pena Presas que o coloca en primeira posición ou Armando Requeixo en quinta, o que non abonda para integrar a listaxe conxunta da opinión da crítica para o mes.