MÉLIÈS DE PRATA

'Limbo', de Dani Viqueira, na carreira a mellor filme fantástico europeo

'Limbo', de Dani Viqueira, na carreira a mellor filme fantástico europeo
Fotograma de 'Limbo'
Fotograma de 'Limbo'  

A curtametraxe Limbo, do coruñés Dani Viqueira, foi premiada o pasado 20 de outubro co Mèlies de Prata no Festival Court Métrange de Rennes. Este recoñecemento coloca o filme na competición polo Méliès de Ouro á mellor curtametraxe fantástica europea, que se outorgará en 2020.


Até hai relativamente pouco, facer cinema fantástico ou ciencia ficción en galego soaba á imposibilidade que o propio xénero transmite coa realidade. Porén, desde o apoteótico éxito de Dhogs, semella que máis autores se atreven a deixar voar a imaxinación. E vaites cos resultados.

Dani Viqueira estreaba na Galiza na última edición do Festival de Cans a súa primeira curtametraxe en solitario, Limbo. A peza leva xa un percorrido por festivais internacionais deste xénero, sendo unha das curtametraxes con máis seleccións no último ano, co Premio do Xurado no Terroríficamente Cortos ou a Mellor Curtametraxe no Grimmfest de Manchester. Levou tamén o galardón a Mellor Guión Galego na última edición do Curtocircuíto, outorgado pola Asociación de Guionistas Galegos, e Premio do Xurado a Mellor Curtametraxe de Ficción no Festival de Cans. Após pasar o último mes polo Ourense Film Festival (OUFF) e o Festival de Cinema Fantástico da Coruña (FKM), proxectase na cuarta feira 24 de outubro dentro da programación da Semana de Cinema de Autor de Lugo.

Limbo conta a historia de Xosé quen, incapaz de aceptar a nova realidade da súa vida, remata caendo nunha espiral de autodestrución pola que arrastra a súa muller e a súa filla. Con fotografía de Lucía C. Pan e música do compositor e zanfonista Germán Díaz, clasifícase dentro do cinema de terror.

Xurado do Festival Court Métrange decidiu outorgarlle o Méliès de Prata, galardón que honra un dos ideólogos do cinema como mecanismo da fantasía e a imaxinación, o ilusionista George Méliès. A competición forma parte da Méliès International Festivals Federation (MIFF), unha rede de 25 festivais de 19 países que promove internacionalmente o cinema fantástico europeo, outorgando un dos galardóns máis importantes do cinema fantástico a nivel internacional, o Méliès de Ouro, ao cal optará o filme do coruñes.