ESTA SEXTA FEIRA COMEZAN 20 DÍAS DE PROGRAMACIÓN

A lingua portuguesa protagoniza o Salón do Libro Infantil de Pontevedra

A lingua portuguesa protagoniza o Salón do Libro Infantil de Pontevedra
Imaxe dunha actividade na pasada edición do Salón do Libro Infantil de Pontevedra. Foto: Salón do Libro.
Imaxe dunha actividade na pasada edición do Salón do Libro Infantil de Pontevedra. Foto: Salón do Libro.  

A cultura convidada á 20ª edición do Salón do Libro Infantil de Pontevedra non é reducíbel ás fronteiras estatais. Porque máis que unha cultura, son moitas unidas por unha lingua común: a denominada lusofonía. “Lingua irmá do noso idiomas, cómpre cruzar pontes e atravesar océanos”, afirma a organización do encontro, que inicia esta sexta feira 20 días de programación.
 


Ese mundo de 250 millóns de persoas servirá “para amosar ás crianzas que co galego se pode percorrer o mundo e comunicarse”. Autoras e ilustradoras de Portugal, Brasil e Angola así o certificarán.

A escritora e tradutora brasileira Marina Colasanti encabezará a delegación brasileira. Acompañarana ilustradores como André Neves e Roger Mello. Na mediación lectora asistirá Volei Canonica; na narración oral Benita Prieto; na poesía Henrique Rodrigues. A presenza galego brasileira non será menor: o guitarrista Sérgio Tannus, o editor Wladimir Vaz ou, no ámbito da gastronomía, Amélia Andrade.

Do sur do Miño viaxarán a Pontevedra a editora Mafalda Milhões; as ilustradoras Ana Biscaia, Ana Seixas, Eva Vieira, Margarida Botelho e Cátia Vidas; os escritores Pedro Messeder, Ana Pessoa e Bru Junça; as medidaoras de lectura Ana Margarida Ramos; ou a compañía de teatro Andante. João Afonso será encargado da achega musical. O poeta e tradutor Zetho Cunha Gonçalves disertará sobre a súa poesía e a tradición oral do seu país, Angola.

“Sen dúbida a presenza desta delegación da lusofonía”, di a organización do Salón do Libro, “será toda unha revolución na nosa cidade, con ese propósito foi lanzado o convite. Sejam todas e todos muito bem-vindos!”.

A programación completa das 20 xornadas pode consultarse nesta ligazón.



x