DAS AFRICANAS PRAIAS

Literatura de África a Galiza

Literatura de África a Galiza
Warsan Shire
Warsan Shire  

O semanario Sermos Galiza estreou este 2019 a sección “Das africanas praias”, unha escolma de textos de mulleres africanas ou afrodescendentes da man de Xoán Costa. “É bon contribuír, desde aquí, a internacionalizar unha maneira de ver África e a súa problemática reflectiva a través da literatura sen interferencias interpostas”, explica.


Co 2019 chegaron novas seccións ao semanario Sermos Galiza, como “Das africanas praias”, unha oportunidade de coñecer mes a mes autoras africanas ou afrodescendentes, todas elas cunha traxectoria poética recoñecida especialmente no Reino Unido e nos EUA e practicamente descoñecidas entre nós. Explícao o presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza, Xoán Costa, que asina esta sección mensual.

“É bon contribuír, desde aquí, a internacionalizar unha maneira de ver África e a súa problemática reflexada a través da literatura e con perspectiva africana, sen interpretacións interpostas”, sinala Costa, que pon de manifesto que a sección “só publica textos, non os interpreta”, pois “iso corresponde a quen os le”.

O responsábel da sección advirte de que “son moi escasas as posibilidades de ler en galego, en calquera das súas variantes gráficas, estes textos por suporen un mercado editorial moi exiguo. Por iso agradezo a Sermos Galiza esta posibilidade”.

O nome, “Das africanas praias”, representa unha chiscadela ao poema de Pondal que comeza co verso “Das africanas prayas veciñas / Como costuman / Retornarán / As amabres e doces anduriñas”. “Igual que as andoriñas fan unha viaxe de ida e volta sobre o Mediterráneo tamén estes versos pretenden facer posíbel esa comunicación entre nós e o continente africano expresando sempre a visión da problemática africana desde a visión directa das súas protagonistas. Non pretende interpretar África mais mostrar ás leitoras e leitores de Sermos como a ven as súas protagonistas”, acrecenta Xoán Costa.

As mulleres, no centro da acción

O autor explica que a sección se centrará nas mulleres, primeiro “porque o número de mulleres que fan poesía en África é moi elevado”. Segundo, “pola implicación e participación de moitas destas mulleres nos procesos de liberación e independencia do continente”; terceiro, “polo punto de vista que adoptan estas poetas á hora de presentar, desde unha óptica completamente diferente a como os percebemos aquí, moitos problemas que son comúns ás mulleres de todo o mundo, desde a violencia de xénero á maternidade ou á concepción da sexualidade”.

“Sendo a lingua o que define a pertenza dunha literatura a unha cultura é evidente que a literatura lusófona é literatura galega por máis que estexa escrita cunha grafía diferente"

Por último, Xoán Costa salienta que “sendo a lingua o que define a pertenza dunha literatura a unha cultura é evidente que a literatura lusófona é literatura galega por máis que estexa escrita cunha grafía diferente da oficial na Galiza”. Con todo, informa, a sección incorpora, intercalándoos, textos escritos orixinalmente en portugués, e publicados como foron escritos, con textos escritos noutras linguas e ofrecidos agora en versión galega.

Na primeira entrega, “Das africanas praias” recolleu os textos de Amélia da Lomba e na segunda das entregas, publicada esta mesma semana, a protagonista foi Warsan Shire –sobre varios dos seus temas, xira o disco da artista Beyoncé “Lemonade”–.