ENTREVISTAMOS MARIO REGUEIRA

"Á literatura galega fáltalle un Estado propio”

"Á literatura galega fáltalle un Estado propio”
[Imaxe: Uxía Castro]
[Imaxe: Uxía Castro]  

Cada semana, desde os inicios de Sermos Galiza, poden ler nestas páxinas as críticas literarias de Mario Regueira (Ferrol, 1979), quen ten xa unha nutrida relación de obras publicadas. Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, vén de gañar o XIII Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. O premio supón para o escritor “unha especie de retorno”. “Faime unha ilusión especial porque levo seguindo a traxectoria do certame bastante tempo e sempre me pareceu unha aposta moi orixinal que ten dado uns libros absolutamente fulcrais na última década, como carnia haikai, de Elvira Ribeiro, ou Amantes, de María Lado, entre moitos outros”, salienta. Eis un extracto da conversa, publicada no número 322 de Sermos Galiza.


2É a vez primeira que se centra de cheo na literatura erótica.

Foi un tema que estivo sempre, de maneira transversal, en todas as miñas obras, mais nunca –e é algo que dixen o día da entrega– se me pasara pola cabeza facer unha cousa tan claramente orientada cara a iso nin poñelo tan no foco se non chega a ser pola proposta do premio.

Quen é Marco Livorno, título tamén da obra gañadora?

O título pode parecer moi estraño mais marca un nome propio de orixe italiana e Livorno é unha cidade italiana, cun clube de fútbol moi vinculado á esquerda política. É un personaxe fantasmal que chega a unha cidade que é Ferrol e alén de xogar pachangas de fútbol cunha camisola que ninguén recoñece inicialmente vai pasando polas camas de máis da metade do barrio. O poemario está construído desde a perspectiva da marcha dese personaxe, que é o centro dos recordos, das ilusións e das experiencias da maior parte da xente que o coñeceu. Dalgunha maneira, o personaxe reactiva unha cidade derrotada, un barrio periférico, a través da sexualidade, das ganas de vivir e da camaradería.

A camisola dese equipo de fútbol é a que ilustra o perfil do seu Whatsapp?

Si (Ri). É Lucarelli, un xogador que se fixo famoso porque marcou un gol coa selección de fútbol italiana e sacou unha camiseta coa foto do Che Guevara. O libro comeza cunha cita del que di que hai xogadores que queren comprar un Ferrari ou un iate e que el co seu soldo prefire comprar a camiseta do Livorno. É un tipo que, dalgunha maneira, tentou estar sempre vinculado ao equipo do seu corazón, que era un equipo proletario, e ser fiel a el. Agora mesmo, retirado, é o adestrador do Livorno.

Refírese ao proletariado e, precisamente, a súa obra ten unha perspectiva política e social moi marcada tanto na poesía como na narrativa. A que se debe?

Sempre tratei de non facer literatura comprometida ou social en sentido clásico, pero sempre quixen que as miñas orixes e a miña identidade estivesen presentes. Parte da miña realidade é esa e éo dunha forma moi intensa. Procedo dun barrio da periferia de Ferrol, dunha familia de varias xeracións de traballadores de estaleiros e é unha parte moi marcada da miña realidade. Considero que a clase obreira, o proletariado, segue a ser, por moito que pasase nas últimas décadas, a protagonista da historia con maiúsculas. As cousas interesantes, as realmente relevantes, sobre as que se pode escribir son aquelas que lle pasan á clase obreira, outra cousa é que non o sexa no sentido da novela social atada a un esquema moi prefixado, que era o que se facía antes. Tamén existe a experiencia persoal, por exemplo, en canto á sexualidade, que é algo que aparece no poemario.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 322 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]