A literatura homenaxea o teatro na entrega dos premios da AELG

A literatura homenaxea o teatro na entrega dos premios da AELG
Premiad@s 2014
[email protected] 2014  

O literatura sube a escena para se atopar co teatro na entrega dos premios anuais da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Desde todos os ámbitos, as artes escenas foron as protagonistas dunha cerimonia de entrega que se desenvolveu en Pontevedra e confirmou os libros A lúa da colleita de Anxos Sumai e Raíz de fenda, de Berta Dávila como os máis premiados en narrativa e poesía do ano. 


Antes do comezo da cerimonia de entrega de premios anuais da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega no Teatro Principal de Pontevedra, coñecíanse xa os nomes gañadores, os resultantes por elección da asemblea de socios e socias. Dos outros, foron sorpresa até que a escritora Antía Otero foi abrindo cada un dos sobres. O teatro, en todas as súas facetas, ía ser o grande protagonista do máis solemne acto anual da asociación da literatura, na vontade de recoñecer o esforzo de profesionais, entidades e institucións que pulan por unhas artes escénicas ás que a crise está batendo con forza. 

A intervención de Cesáreo Sánchez Iglesias, no inicio do acto, argumentou as razóns de que autores e autoras quixeran dedicarlle o seu ano a quen fai posíbel que o pano continúe a subir cando o peso é aínda máis forte. “Os escritores e escritoras galegos cremos na nosa cultura” comezou o presidente da AELG nun discurso no que incorporou os duros datos do mundo editorial como son o peche de 45 bibliotecas e a perda do 38% de traballadores e traballadoras desde 2008. Aproveitou tamén para reclamar, máis unha vez, un Panteón de Galegos Ilustres “laico e que máis cedo que tarde sexa de propiedade pública” e definiu,  mentres comentaba a viveza da conmemoración do día de Rosalía en centros escolares e concellos, como “unha ofensa a nosa dignidade como pobo”, que continúe pechado o seu acceso ao público. 

De onde nace o teatro

Os premios abarcarían así todas as facetas do teatro, desde as compañías profesionais que representou Sarabela Teatro na voz da súa directora Ánxeles Cuña Bóveda até o teatro amador no nome de Achádego Teatro de Lugo que fai agora 25 anos como lembrou Tereixa Campo. A Editorial Laiovento e o proxecto Casahamlet foron recoñecidas polo seu traballo na formación, edición e difusión do teatro mentres a A.C. O Facho recolleu o premio polo seu labor na promoción do teatro infantil. 

A entrega de premios confirmou A lúa da colleita de Anxos Sumai e Raíz de fenda de Berta Dávila como os libros máis premiados do ano

Do ámbito institucional do mundo do teatro o proxecto Buxiganga, da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, a Área de Cultura de Deputación da Coruña, polo Premio de teatro Rafael Dieste e os concellos de Narón e Tui, polo esforzo na programación e difusión das artes escénicas, foron as institucións recoñecidas cos premios da AELG.

O teatro foi aínda protagonista dun premio máis, o da súa modalidade literaria, que recaeu na publicación da obra completa de Roberto Vidal Bolaño, un traballo editorial que corre a cargo de Edicións Positivas e que recolleu Roi Vidal, o fillo do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas do 2013 e que aproveitou para reclamar maior atención á edición de obras teatrais.  

Elba Requejo, de Abadín, e Xabier Blanco, de Moaña, foron nomeados Mestres da Memoria polo seu labor na transmisión da nosa cultura oral tradicional. 

Os mellores libros do ano 

A entrega de premios confirmou A lúa da colleita de Anxos Sumai e Raíz de fenda de Berta Dávila como os libros máis premiados do ano. As dúas autoras ademais de recolleren os galardóns no apartado de narrativa e poesía subiron por segunda volta para recibiren os Premios da Crítica que desde a pasada edición se entregan tamén na gala da AELG. A novela de Sumai dérase a coñecer co premio García Barros e obra poética de Berta Dávila co Johán Carballeira. 

A revolución non vai ser televisada, de Rebeca Baceiredo editado por Euseino? Editores, fíxose co premio ao mellor ensaio e a súa autora empregou a súa intervención para reivindicar o pensamento e a liberdade.

Carme Vidal, de Sermos Galiza, gañadora do á mellor traxectoria no xornalismo cultural, demandou máis apoio para os medios en galego

A todos os escritores e escritoras dedicoulle o seu premio Xabier P. DoCampo, o autor de A illa de todas as illas, que resultou merecente do premio á mellor obra de literatura infanto-xuvenil. “Aos que fan esta lingua máis universal”, lembrou, mentres negou a “galeguidade aos que a vituperan e insultan". 

Como noutras ocasións o traballo de Ramón Nicolás no blog “Caderno da crítica”, no que o autor deita críticas, entrevistas e outras singulares seccións, foi o escollido polos escritores e escritoras da nosa literatura como mellor blog literario. 

A tradución do Ulises, de James Joyce por Antón Vialle, Eva Almazán, María Alonso Seisdedos e Xavier Queipo foi, máis unha vez, a obra noutra lingua do ano que chega ao galego da que máis se premia o esforzo dos profesionais nunha versión que ten sido gabada en comparanza coas traducións do clásico a outras linguas.  A xornalista Carme Vidal, de Sermos Galiza, recolleu o premio á traxectoria no xornalismo cultural e reivindicou apoio social para os medios en galego. 

Escritor Universal: Bernardo Atxaga

O escritor Bernardo Atxaga recolleu premio ao Escritor Galego Universal de mans do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez e lembrou as súas relacións coa literatura galega, desde aquela noite iniciática na que realizou a súa primeira entrevista que foi precisamente en Vigo ao escritor Xosé Luís Méndez Ferrín ate a súa devoción por Castelao ou a admiración por Celso Emilio Ferreiro. Citou a edicións Xerais e Kalandraka, selos que publicaron obras súas en galego, e defendeu a necesidade de se “sentir acompañado”, na súa vontade de establecer novos vínculos afectivos entre as culturas. 

Premios da AELG

- Blog Literario
Caderno da crítica, de Ramón Nicolás.

- Ensaio
A revolución non vai ser televisada, de Rebeca Baceiredo (Euseino? Editores).

- Literatura Infanto-xuvenil
A illa de todas as illas, de Xabier P. DoCampo (Xerais).

- Xornalismo Cultural
Carme Vidal.

- Narrativa
A lúa da colleita, de Anxos Sumai (Galaxia).

- Poesía
Raíz da fenda, de Berta Dávila (Xerais).

- Teatro
Obras Completas (Vols. I, II e III), de Roberto Vidal Bolaño (Edicións Positivas).

- Tradución
Ulises, de James Joyce, na tradución de Antón Vialle, Eva Almazán, María Alonso Seisdedos e Xavier Queipo (Galaxia).

-Escritor Galego Universal

Bernardo Atxaga, por combinar a “excelencia literaria co compromiso ético que o converte en referente na defensa da dignidade humana”.


Os premios outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG, foron:  

-Mestres e Mestras da Memoria,  Elba Requeijo e Xavier Blanco, por seren elos de transmisión da nosa cultura popular e tradicional. 

-O Premio Institucións outorgouse a tres institucións pola súa  promoción do teatro:

-O proxecto Buxiganga, da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, 
- A Área de Cultura de Deputación da Coruña, polo Premio de teatro Rafael Dieste.
-Narón e Tui, polo esforzo na programación e difusión das artes escénicas. 

-Premio “Bos e Xenerosos”  recaeu en todos os ámbitos da escena galega:

A compañía Sarabela Teatro, dirixida por Ánxeles Cuña Bóveda como agrupación profesional.
Achádego Teatro de Lugo, polo seu traballo no teatro amador desde hai 25 anos. 
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia, en representación dos profesionais da escena. 
A Editorial Laiovento e o proxecto Casahamlet polo seu traballo, na formación, edición e difusión do teatro. 
Premio de teatro infantil: A. C. O Facho.



x