Literatura que indaga na outra cara da sociedade

Literatura que indaga na outra cara da sociedade
Un alixo de droga
Un alixo de droga  

Vivir sen permiso e outras historias de Oeste, o último libro narrativo de Manuel Rivas, estende os territorios narrativos de Todo é silencio e indaga no narcotráfico. Mais Rivas é apenas o último da serie de autores que se asomaron ao fenómeno. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 321 de Sermos Galiza.


1Nas presentacións de Vivir sen permiso e outras historias de Oeste (2018), Manuel Rivas teoriza sobre o narcotráfico como “fase extrema do capitalismo”. O libre mercado absoluto, ao cabo, sen atender límite ningún para o lucro individual. Eis o mundo do comercio das drogas ilegais, onde o autor sitúa personaxes que aceptan, que se benefician, que se revolven, pero que son condicionados por ese contexto á marxe da lei e do Estado.


Estes territorios xa os explorara Rivas (A Coruña, 1957) en Todo é silencio (2011). Ou, dun ángulo diferente, nos Comedores de patacas (1991), segundo lembra a profesora e crítica Dolores Vilavedra (Vigo, 1963), para quen a aproximación de Rivas encaixa no que denomina “estilización literaria” do fenómeno. “Nos Comedores de patacas (1991) fala máis das consecuencias sociais da drogodependencia”, explica a Sermos Galiza, “pero en Todo é silencio xa entra de cheo, como nos últimos relatos”. A este procesado literario que define como “estilización” adscribe tamén a Diego Ameixeiras, cuxo Todo OK (2012) é a máis próxima a este universo das súas novelas. Noutras, como na Crueldade de abril (2018) ou Conduce rápido (2014), o narco aparece de maneira máis tanxencial.

“Se cadra os escritores non nos achegamos todo o que deberiamos ao narcotráfico porque a nosa literatura non está afeita a tratar materiais do presente”, afirma o propio Ameixeiras (Lausana, Suíza, 1976), “ao cabo, trátase dunha historia incómoda deste país. E ten moitos grises, non serve unha ollada maniquea”. Para o autor de novela negra, as de Aníbal C. Malvar (A Coruña, 1964) son aínda as obras de referencia. Á de mosca (1998), un traballador noir, non temía asomarse ao tráfico de cocaína e a algúns dos seus capos asentados no Salnés.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 321 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]