ANA CABALEIRO, ESCRITORA

“Na literatura óbviase a diferenza de clase e iso é perigoso”

“Na literatura óbviase a diferenza de clase e iso é perigoso”
[Imaxe: Alba Sotelo] Ana Cabaleiro
[Imaxe: Alba Sotelo] Ana Cabaleiro  

As ramonas (Galaxia, 2018, Premio García Barros) sucede no interior de automóbiles que cobren o traxecto de Santiago de Compostela ao Deza. Vidas precarias e expectativas frustradas, a descomposición material das esperanzas, traballadoras pobres e artistas no bordo da subsistencia, atravesan a primeira novela de Ana Cabaleiro (Saídres, Silleda, 1974). “Unha visión non edulcorada da vida sempre está moi presente no que escribo”, afirma. Eis un extracto da entrevista publicada no número 328 de Sermos Galiza.


5O seu primeiro e anterior libro era de relatos, Sapos e sereas (Galaxia, 2017). A que se debe o salto á novela?

Sempre defendín que son escritora de relatos. É un formato que me gusta moito e non me parece nada doado. O que pasa é que eu empecei a escribir As ramonas un pouquiño antes de asinar o contrato de Sapos e sereas. Fun escribindo, publicouse Sapos e sereas e fun vendo a recepción. Ademais, sempre temos algo dentro que nos leva a pensar en se seriamos quen de facer outra cousa. Como un reto. As ramonas naceu máis por divertimento. Quería contar a historia e nun relato tería que condesala demasiado. Por iso naceu esta historia máis longa, aínda que tampouco é que sexa unha novela moi longa. Mais para min escribir curto é máis difícil e ao mesmo tempo é moito máis interesante.

Á hora de escribir, que diferenza hai entre decidirse por un formato ou por outro?

A min divírteme máis o relato. Gústame crear personaxes constantemente. Nunha novela eu non teño capacidade –como escritora– para crear personaxes abondo para divertirme. Hai que seguirlles o fío e aínda non cheguei a ese punto. Ao mellor algún día chego.

Pero polas Ramonas transitan moitos personaxes.

Si, hai moitos personaxes, pero cunha vida moi curta. Nacen e morren seguido. Non fisicamente, quere dicir que o seu percorrido na historia é moi curto.

Un traxecto de Blablacar.

Si. No entanto, no relato podes crear un personaxe condensado, desde que nace até que morre. E só nunha acción que ti elixas. Para min é moito máis divertido, atraínte e sedutor escribir relato. Pero creo que ten máis relación co tema das personaxes que co tema das historias.

Di que As ramonas naceu como divertimento e, porén, é unha novela pesimista.

Teño unha especie de frustración. Porque eu son unha persoa incoherentemente optimista. Está ardendo e digo: “Bah, seguro que non arde”. E á hora de escribir sáenme uns personaxes terríbeis aos que lles pasan cousas terríbeis. Pero estou moi obsesionada con cinxirme moito á vida, non disfrazala. Hoxe en día hai un nivel de aparencia de felicidade, de soños que se conseguen... Parece que o negativo na vida non exista. Eu creo que, na miña posición de escritora, loito contra iso. Estou obsesionada por explicar que a vida tamén ten esa parte fea e que tamén se convive con ela. Pasoume en Sapos e sereas, pasou en As ramonas, e creo que me está pasando no que estou escribindo agora. Esa parte non bonita, non edulcorada da vida, sempre acaba tendo moita presenza. Sempre edulcoramos, a través de determinados filmes, a través da publicidade, a través de como se venden determinadas historias. Edulcórase e sempre se dá unha visión da vida moi superficial.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 328 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]