Lois Alcayde: "Nun estado democrático, un ten dereito a falar do que lle pete"

Lois Alcayde: "Nun estado democrático, un ten dereito a falar do que lle pete"
Lois Alcayde.
Lois Alcayde.  

O coordinador de xornalismo da revista Ligeia fala sobre a agresión verbal sufrida na apresentación da publicación en Compostela, cando interromperon a presentación ao berro de “en España se habla castellano”


Facía sol a rabiar na mañá do pasado sábado. Un grupo de persoas procuraba a sombra na terraza da Casa das Crechas para asistir ao Vermute en Verso, unha iniciativa de divulgación literaria do local compostelán. Ese día, a poeta Tamara Andrés e o escritor Marcus Daniel Cabada apresentaban o primeiro número da revista Ligeia, da que son fundadores. Canda elas tamén estaba o coordinador de xornalismo da publicación, o escritor, xornalista e colaborador de Sermos GalizaLois Alcayde. Durante o acto, de ambiente amigábel e distendido, un home interrompe a berros o discurso. “No se puede hablar de política en la calle, yo no estoy aquí para escuchar esto” ou “estamos al lado del patrón de España, háblame en castellano” foron algunhas das frases coas que tentou, infrutuosamente, boicotear o evento.

 

-A nova da agresión verbal está a ter moita repercusión.

 

-Quedamos sorprendidos, nós fixemos o comunicado de prensa porque pensamos que, cando acontecen estes incidentes, é bon que se coñezan porque cremos que non se deben pasar por alto.

 

-Como aconteceu todo?

 

-Estabamos Tamara Andrés, Marcus Daniel Cabada máis eu na intervención. O primeiro número da revista chámase Recuperar as mans. Eu falaba do espazo das mans e do espazo das urnas. Fixen a broma de que a urna é un espazo inocente e democrático que, non sei como, pode alterar e poñer nerviosa moita xente. De súpeto, unha persoa que estaba nunha mesa do lado alzou a voz e interrompeu. Dixo de mala maneira que non se podía falar de política na rúa, que el non estaba aí para escoitar falar de política. Isto non o fixo como un comentario, fíxoo interrompendo e cortando a presentación. Eu respondín que na rúa, nun estado democrático, un ten dereito a falar do que lle pete, sobre todo cando é un acto cultural onde tes un micro e hai que falar e divulgar. O home non cedía, alzou aínda máis o ton de voz e berrou “respóndeme en castellano”. Eu dixen que podía falar na lingua que me petara, que non era ninguén para dicirnos en que lingua tiñamos que falar. Entón aí é cando o público reacciona. Entra Carlos Meixide, fala con el, e unha parte da conversa sae no vídeo. Dille que que pare, que se non lle gusta, que marche. O home comezou a insistir e houbo un momento de tensión porque non sabiamos se ía ir a máis. Nós, desde a revista, pedimos que por favor nos deixaran continuar. Tentamos continuar, volveu interromper e logo xa calou e decidiu marchar. Todo isto deixándonos ‘perlas’ como “estamos al lado del patrón de España, háblame en castellano”. Houbo tensión pero finalmente ficou en algo anecdótico.

 

-Como foi a reacción do público?

 

-Penso que foi moi boa porque demostra que este tipo de comportamentos non se pode tolerar na rúa. É dicir, non se pode tolerar que unha persoa tente coartar calquera tipo de discurso con berros. Ao comezo houbo algo de sorpresa, logo interveu Carlos Meixide, logo unha moza que foi a que gravou… Houbo unha resposta xeral do publico para que esta persoa, se non estaba de acordo, se calmara e, senón, que marchase. Penso que foi unha reacción bastante boa e impediu que fora a máis. Era un home que estaba bastante exaltado mais levouse moi ben, tanto por parte dos meus compañeiros como por parte do público. Seguimos co acto e rematou moi ben.

 

-Chama a atención que ningunha das persoas das que estaba acompañado dixera nada.

 

-Si, era moi curiosa a actitude dos que estaban ao seu lado. Era un grupo de turistas, parecía. Chamounos a atención que tiñan tres cans atados coa bandeira española e ao comezo fixemos un pouco a broma de “a ver se non pasa nada”. Isto, por suposto, era de broma. Nunca pensamos que puidera chegar a pasar nada. Non estabamos a falar de nada explicitamente partidista, senón que estabamos a falar de algo tan normalizado nun pais democrático como é unha urna. A actitude do resto consentiu totalmente o que dicía.

 

-Pensas que este tipo de comportamentos están a medrar? Por que?

 

-En xeral, creo que en toda Europa está habendo manifestacións de intolerancia moi fortes. Penso que se producen porque non se aplica unha política de consenso nin de diálogo. Aplícase unha política de ataque e confrontación diaria. Por parte dos medios de comunicación ou partidos políticos búscase moitas veces a confrontación e a tensión. Isto acaba por ser unha mensaxe que absorbe moita xente e acaba levando de slogan a frase que tiña Manuel Fraga de “la calle es mía”. Hai xente que aplica “la calle es mía” diariamente, e non só nas rúas senón que a aplica nos medios de comunicación de masas. Isto inflúe que en que haxa moita xente que non sexa consciente de que vivimos, oficialmente, nunha democracia onde cada un pode falar do que queira na rúa sen que ninguén lle berre nin coarte. Está a crearse unha tensión e hai xente que reacciona moi mal.

 

-Como recibistes isto na revista Ligeia?

 

-Por parte da publicación, defendemos sempre o espírito democrático, a pluralidade de voces. Somos unha revista onde participa xente dun montón de países, tanto de Latinoamérica como de Europa, e nós sempre estamos a favor do diálogo e do xornalismo do entendemento e das palabras útiles, non das que xeren violencia.

 

-Que cabe contra este tipo de agresións?

 

-Contra este tipo de posturas, eu estou sempre a favor da exposición, de denuncialo e explicar o que está a pasar. Non se pode virar a cabeza cara a outro lado. Eu son un optimista acérrimo e confío no diálogo. Penso que a democracia se basea sempre no diálogo, nunca na violencia. Creo que cando ocorren este tipo de cousas, as demócratas e os demócratas, quen cremos na liberdade de expresión, os xornalistas… temos que convidar sempre ao entendemento e, se a persoa á que te dirixes non responde a el, convidala a abandonar o espazo porque, en certa maneira, ti cando estás na rúa estás a reivindicar un espazo. Estás a reivindicar o teu dereito a falar nese espazo. Penso que é un deber de sempre ter o diálogo e a convivencia de fronte. Con actitudes tan fóra de lugar, que non pasou grazas a deus da agresión verbal, tense que ofrecer sempre diálogo e calma. Responder con tensión nunca é bo.

 

-Cómpre, pois, sacar á palestra pública este tipo de feitos.

 

-Si, é importante que os medios de comunicación reflictan estas situacións sempre. É sumamente importante expoñer este tipo de condutas, porque senón ao final acaban prexudicando a sociedade en xeral. Condutas deste tipo, condutas fascistas, son as primeiras que empezan a xermolar e unha vez empezan a medrar, se as demócratas non respondemos, acaban sendo un cancro. O fascismo é o cancro de Europa en calquera demostración que faga. É algo que non só estamos vendo no Estado español senón en toda Europa e contra iso o xornalismo e a literatura teñen moito que facer e que construír.

 

 



x