A loita polo “Planeta Furancho” intensifícase

A loita polo “Planeta Furancho” intensifícase
furancho
furancho  

Un comentario da empresa no propio facebook de “Planeta Furancho” intensifica aínda máis a loita pola permanencia do programa e do seu presentador Vituco Neira. Novas iniciativas botan a andar contra a dirección do ente ao que acusan de mentir. 


Na propia páxina de facebook de “Planeta Furancho” aparecía o pasado 27 de maio un comentario que acendía aínda máis os ánimos do colectivo de profesionais da música e ouvintes que están a defender a continuidade do programa presentado por Vituco Neira que tiña o seu último día de emisión o pasado 29. 

“Queremos aclarar que a RadioGalega non tomou ningunha decisión definitiva de programación que afecte á continuidade de Planeta Furancho, sen prexuízo de que como sucede noutros espazos, se poidan facer cambios na programación coincidindo coa fin da tempada e o arranque do período de verán”, comezaba a mensaxe que se refería aos comentarios publicados con anterioridade no propio facebook como referidas ao “ámbito persoal” de Vituco Neira. Á acusación de non ter dado resposta algunha diante do anuncio de peche do programa, o comentario contesta dicindo que “todas as persoas e entidades que se dirixiron á Radio Galega ou preguntaron por este tema a través do Buzón da Galega ([email protected]) foron puntualmente informadas das circunstancias”. 

Monicreques furancheiros

Ao tempo que desde a dirección do ente se puña en dúbida a desaparición do programa e se acusaba ao presentador de ter informado con “carácter persoal”, a campaña de apoio ao programa e ao propio Vituco Neira intensificábase. Despois da masiva concentración o pasado 28 na Praza do Toural e dos apoios que se foron sumando de entidades e particulares, botou a andar unha campaña de retratos na rede co cartel “Eu apoio o planeta furancho” e unha recollida de sinaturas a través de Change. Desde a páxina “Defendamos Planeta Furancho” anuncian novas mobilizacións na que reclamarán maior presenza da cultura na RTVG. As respostas á nota da CRTVG tampouco se fixeron agardar con comentarios como “Sen Vituco non hai furancho!!” ou mesmo acusándoos de mentireiros nun vídeo con monicreques pendurado no facebook ao que xa se sumaron máis de dúas mil persoas.