Luar na Lubre fai 30 anos e publica novo disco, ‘Extra Mundi’

Luar na Lubre fai 30 anos e publica novo disco, ‘Extra Mundi’
Portada de 'Extra Mundi'
Portada de 'Extra Mundi'  

Luar na Lubre fai 30 anos en 2016 e prepárase para o celebrar cun novo disco, ‘Extra Mundi’, con versións de temas non galegos, como 'Russinyol' ou 'Txoria Txori'. 


Luar na Lubre, o grupo folk liderado por Bieito Romero, é unha das formacións do país con máis pasado e -á vez- con máis presente. Vintenove anos despois siguen xirando e enchendo teatros polo mundo coas súas cancións. 

Logo do CD-DVD publicado en 2014 coa Orquestra Sinfónica de Galicia, ‘Torre de Breoghán’, o grupo coruñés prepárase para o seu 30º aniversario coa publicación este decembro de ‘Extra Mundi’, un disco de cancións inéditas que editan da man de Warner Music. 

Romero, líder da banda, fala así do novo disco: “Extra Mundi en latín é o mundo exterior. Un universo que desde a nosa perspectiva coñecemos en certo modo, pero que nunca exploraramos como o fixemos neste novo traballo, un traballo que trascende do ámbito galego ou celto-atlántico e explora outras culturas desde unha óptica moi íntima e persoal, unha visión de lar ou lareira, aberta a mundos próximos pero distintos, a modo de agradecemento e recoñecemento pola boa acollida que sempre tivemos e sentimos nos diferentes lugares do Estado onde tocamos”. 

Bieito Romero: “Extra Mundi en latín é o mundo exterior. Un universo que desde a nosa perspectiva coñecemos en certo modo, pero que nunca exploraramos como o fixemos neste novo traballo"

Neste novo traballo Luar na Lubre interpreta clásicos en seis linguas diferentes. En palabras de Bieito Romero, “un Extra Mundi que queremos explorar con aroma a Galiza, co noso propio mundo habitual, máxico, propio!”.

Entre os temas que integran ‘Extra Mundi’ destaca “Rossinyol”, unha canción tradicional catalana que foi interpretada por cantantes como Joan Baez, Nana Mouskouri ou Serrat,; ou Txoria Txori”, de Mikel Laboa, un clásico popular que forma parte xa do pobo vasco; ou “La Molinera”, clásico da tradición castelá.

Logo da saída do disco, Luar na Lubre abre unha nova xira por Galiza e polo Estado, con datas confirmadas en Ourense (11 de decembro) e Vigo (8 de xaneiro), ademais de numerosos puntos da Península, como Tudela, Madrid, Barcelona, Girona, Salamanca ou Cádiz.