CELEBRACIÓN

As e os lucenses 'dan a cara' pola Muralla

As e os lucenses 'dan a cara' pola Muralla
Concerto da Banda Filarmónica Infatil, o sábado no Vello Cárcere de Lugo
Concerto da Banda Filarmónica Infatil, o sábado no Vello Cárcere de Lugo  

Centos de persoas animáronse pasar polo fotomatón e retratarse dentro do proxecto A Muralla e ti, unha iniciativa da área de Cultura e Turismo do Concello de Lugo para conmemorar o XIX aniversario da declaración do monumento como Patrimonio da Humanidade.


O 30 de novembro do ano 2000, Lugo espertaba coa nova de que a Muralla fora declarada Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Xusto 19 anos despois, este pasado sábado, a cidade bimilenaria celebrou o aniversario con dous concertos no Vello Cárcere: ao mediodía actuou a Banda Filharmónica Infantil, e á tardiña, Solo Voces, co seu Que o Camiño nos leve a atoparnos.

Ademais, no último día do proxecto A Muralla e ti, máis lucenses pasaron polo fotomatón situado nos soportais da Casa do Concello para retratarse.

O obxectivo 'construír' unha muralla coas caras das e dos habitantes de Lugo, que tal e como lembrou a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, «tiveron unha implicación clave para conseguir que a nosa Muralla fose declarada Patrimonio da Humanidade».

Concerto Banda Filarmonica Infatil1

Segundo o tenente de alcalde, Rubén Arroxo, búscase «que todas as participantes completen, de xeito simbólico, a silueta da Muralla para conformar unha imaxe de integración entre o noso monumento e as persoas que gozamos da súa existencia».

Mesa redonda, esta terza feira

A Muralla e ti, que superou as expectativas de participación, é unha das iniciativas da área de Cultura e Turismo do Concello de Lugo para conmemorar o XIX aniversario da declaración do monumento como Patrimonio da Humanidade.

Ferreiro animou a veciñanza de Lugo «a gozar da Muralla e asistir ás distintas actividades que celebran esta data tan sinalada para a cidade».

Estas finalizarán a vindeira terza feira, 3 de decembro. O Auditorio do Vello Cárcere, a partir das 19 horas, será o escenario dunha mesa redonda e unha conferencia.

A primeira, Implicación das institucións na consecución do recoñecemento da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade, estará moderada por Rubén Arroxo e contará coa participación de Branca Rodríguez Pazos, ex tenente de alcalde do Concello de Lugo, e Cándido López Castiñeira.

A segunda, prevista para as 20 horas, correrá a cargo do historiador Adolfo de Abel Vilela, que falará de O dilema histórico da importancia da Muralla como monumento.