MOSTRA EN COMPOSTELA DAS '13 ESTAMPAS DA TRAIZÓN'

Luís Seoane contra Franco

Luís Seoane contra Franco
Detalle da cuberta do álbum de debuxos de Luís Seoane. Imaxe: cedida.
Detalle da cuberta do álbum de debuxos de Luís Seoane. Imaxe: cedida.  
As 13 estampas da traizón son debuxo militante, arte de axitación e propaganda, comunicación esteticamente relevante a prol da II República en plena Guerra Civil. O álbum gráfico de Luís Seoane (Bos Aires, 1910-A Coruña, 1979) poderase ver nunha mostra que este 11 de setembro ás oito do serán se inaugura no salón do Artesoado do Pazo de Fonseca de Compostela.

A exposición, organizada pola Fundación Luís Seoane e a Universidade de Santiago de Compostela, explica esta “contribución á campaña de propaganda de guerra levada a cabo pola II República, dirixida cara ao exterior”. E non queda apenas nos deseños de Seoane: amosa ademais a participación dodoutras artistas galegas daquela exiliadas na Arxentina, como era o caso de Castelao ou Maruja Mallo.

“Esta exposición axuda a visibilizar e recuperar a nosa silenciada memoria histórica, neste caso referida á Guerra Civil de 1936”, explica a asociación cultural O Galo, que ademais anuncia unha próxima visita guiada á mostra.