Mª Xosé Queizán, Premio Irmandade do Libro pola súa traxectoria literaria

Mª Xosé Queizán, Premio Irmandade do Libro pola súa traxectoria literaria
Mª Xosé Queizán
Mª Xosé Queizán  Ollo de vidro

Por toda a súa traxectoria literaria, por ter sido pioneira en xéneros como o teatro ou o ensaio, por abrir camiños á literatura, Mª Xosé Queizán vén de ser recoñecida como autora nos Premios Irmandade do Libro que organiza a Federación Galega de Libreiros. 


Cada ano, a Federación Galega de Libreiros premia unha autora ou autor pola súa traxectoria na convocatoria dos seus premios. Nesta edición, XXII, a escritora María Xosé Queizán foi a escollida polo xurado para recoñecer a súa ampla dedicación ao mundo do libro como narradora mais tamén autora de ensaio, teatro, poesía, artigos xornalísticos, tradución e mesmo partillando noutros ámbitos da edición literaria como a dirección dunha publicación -a Festa da Palabra da que está á frente desde 1983- ou como directora de coleccións como As literatas de narradoras en Xerais. 

O seu primeiro título foi a novela A orella no buraco en 1965 para inaugurarse despois no ensaio con A muller en Galicia, un título que iniciaría o seu traballo teórico no que publicaría posteriormente Recupereos as mans, sen dúbida dous libros de referencia nos ensaios do feminismo. Coñecida en especial como narradora, entre os seus títulos figuran Amantia, A semellanza, Amor de tango, O solpor da cupletista, Ten o seu punto a fresca rosa, Sentinela, alerta! ou Meu pai vaite matar. En poesía daríase a coñecer en 1991 con Metáfora da metáfora para seguir logo títulos como Despertar das amantes, Fora de min ou Cólera. 

Polo galego en todos os xéneros

O fallo do xurado recoñece como motivación para premiar a Mª Xosé Queizán “a longa e moi definida traxectoria en traballar polo galego dende todos os xéneros, sendo pioneira na narrativa galega despois da guerra. Resultando ademais, que no ano dedicado ao teatro, María Xosé é precisamente unha persoa moi vinculada ao xénero dramático”. En teatro, publicou, entre outras, Antígona, a forza do sangue. Como tradutora achegou a nosa lingua obras de Margarite Yourcenar, Karen Blixen, Charlotte Perkins ou Emilia Pardo Bazán. 

Os premios entregaranse o próximo día 20 nun acto que terá luga r na Casa da Cultura de Monforte no que se darán a coñecer tamén os nomes gañadores nas modalidades de libro, obra editorial, libraría, centro de ensino e fomento da lectura de 2012.