ENTREVISTAMOS MARÍA XOSÉ SILVAR, "SÉS"

"A maioría da crema da intelectualidade galega sempre foi pedindo perdón a España"

"A maioría da crema da intelectualidade galega sempre foi pedindo perdón a España"
[Imaxe: M.O.] María Xosé Silvar, Sés
[Imaxe: M.O.] María Xosé Silvar, Sés  

Non lle gusta que a chamen María. “Ou María Xosé ou Sés, ou Sé”. E así levan chamándoa desde que é pequena, “Sés fun desde cativa porque na Costa da Morte, de onde é miña nai, chámaselles así aos Xosés”. Naceu na Coruña en 1982, “son moi poligonera, porque me criei en Elviña”, di, mais desde hai unha década vive en Sueiro, unha parroquia de Culleredo. É alí, na súa casa, onde nos atende, sen présas, cun café diante após encher o Teatro Colón da Coruña durante dous días con Readmirando a condición. Eis un extracto da entrevista.


2Nunca se viu un fenómeno fan na Galiza como o que hai ao teu redor. Percíbelo así?

Na rapazada é innegábel e o que me dá forza para seguir son todas esas nenas e nenos que sofren a gordofobia, a homofobia, xente con trastornos alimenticios… escríbenme un montón. Ven en ti unha imaxe de empoderamento, de individuo que, partindo dunha situación hostil, empodérase e decide loitar sen vitimismo. Ademais, coa galegofobia que hai… non vas conseguir gran cousa mais si eliminar determinado grao de galegofobia e de autoodio. Ao final, es un referente de normalidade e iso non se pode negar.

O mesmo xuntas xente na Galiza que fóra dela e non che preguntan por que cantas galego, algo que aquí che terán preguntado ducias de veces.

Non contesto esa pregunta porque me enfada moito. Xa contestei tantas veces mal a iso… porque non o consinto. Non consinto que non lle pregunten a Russian Red por que canta en inglés, ou a tantos grupos indie que cantan en inglés, e que me pregunten a min por que canto en galego. Non se atreverían a facerlle esa pregunta a Muguruza e a min si, e Muguruza e eu somos o mesmo. Sabes que pasa? A maioría da crema da intelectualidade galega sempre foi pedindo perdón a España e iso non o fixeron nin vascos nin cataláns e eu iso non o penso facer. Eu cada vez que chego alí digo, “A min gústame moito vir a España, encántame visitar o voso país, mais quero que saibades que cando deixe a música voume dedicar á política e o primeiro que vou facer vai ser conquistar o Estado e instaurar o galego como lingua única” e digo que “estou encantada de estar na capital do imperio” e rinse moito, mais saben perfectamente de que pau vou. Nunca neguei que son independentista e que por min marchaba mañá xa de aquí, cagando ostias.

Non te cortas nas redes sociais nin nos concertos.

É que non me avergoño. Desa maioría da crema da intelectualidade, o 90% cobrou moita pasta basicamente por non molestar, por non mollarse. Se te mollas como pobo que es, comezan os problemas. Eu teño que vender entradas. A min non me contratan algúns concellos que son do PP.

Non tes meto a que te prexudique expresarte de forma tan explícita?

E xa me prexudica, eu non podo tocar en Ourense. Estou vetada no Auditorio de Ourense. Un amigo meu díxome un día algo que considero moi certo: “Cando dis que non tes medo a que mañá teñas que traballar doutra cousa, é verdade”. E totalmente, non teño medo a traballar doutra cousa.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 286 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]