Máis de 3.200 persoas apoian a continuidade do Diario Cultural

Máis de 3.200 persoas apoian a continuidade do Diario Cultural
De esquerda a dereita, Luís Pérez Barral, Xurxo Souto e Margarita Ledo, na comparecencia de prensa para presentar o manifesto 'Nós non imos ficar caladas!'.
De esquerda a dereita, Luís Pérez Barral, Xurxo Souto e Margarita Ledo, na comparecencia de prensa para presentar o manifesto 'Nós non imos ficar caladas!'.  

En apenas tres días, o manifesto Nós non imos ficar caladas! en defensa do Diario Cultural da Radio Galega recadou máis de 3.200 sinaturas de apoio. Desta circunstancia deron conta esta segunda feira tres dos seus promotores.
 


“É fermoso que a cidadanía estea atenta a que os medios de comunicación públicos cumprean o seu papel”, explicou o escritor e músico Xurxo Souto, quen criticou a supresión do programa dirixido por Ana Romaní e con 28 anos de historia e tamén os plans da CRTVG para suprimir as desconexións locais dos informativos.

 

Souto anunciou que os promotores da declaración se entrevistarán cos grupos políticos e que, a non tardar, solitarán unha xuntanza coa dirección do ente público. Agradeceu, ademais, que a plataforma Queremos Galego -que convocan a mainifestación en defensa da lingua do 17 de maio- incluíse entre as súas reivindicacións o mantemento na programación da radio do Diario Cultural.

 

Por Queremos Galego falou Luís Pérez Barral. Celebrou que os tres milleiros de sinaturas amosen que “a xente está concienciada e preocupada polo medios de comunicación públicos e pola lingua”. Lembrou outros espazos de Radio Galega dedicados á cultura e eliminados pola dirección da compañía, como Planeta Furancho, Eirado ou Alalá.

 

A catedrática da facultade de Ciencias da Comunicación Margarita Ledo tamén interveu na comparecencia de prensa. Fíxoo para reivindicar a habilitación de consellos de redacción dentro dos medios de comunicación -“deberían participar nas modificacións estruturais”- e dun consello audiovisual que faga as veces de autoridade independente na materia.



x