FESTIVAL NOROESTE DO 6 AO 11 DE AGOSTO

O máis graúdo da música actual desembarca na Coruña

O máis graúdo da música actual desembarca na Coruña
A cantora Patti Smith. Foto: Noroeste.
A cantora Patti Smith. Foto: Noroeste.  
Setenta e cinco bandas e artistas de primeira orde ocuparán 13 escenarios espallados maiormente polo centro da cidade na 33ª edición do Festival Noroeste. Cantores de mítico status -Paco Ibáñez-, lendas do punk e o rock -Patti Smith-, figuras dos novos ritmos urbanos -Nathy Peluso-, experimentadores coa tradición galega -Baiuca, Faia- ou aspirantes a clásicos do indie estatal -Los Punsetes-, de case todo pasará pola Coruña entre o 6 e o 11 de agosto.

Moitos dos concertos do Noroeste son de balde. Só os dous do Teatro Colón, Paco Ibáñez (6 de agosto, 20.00 horas) e o pianista portugués de fado Júlio Resende (7 de agosto, 20.30 horas), serán de pagamento. Nas actuacións do castelo de Santo Antón tamén cómpre retirar tiques, pero de balde: a cantautora estadounidense Holly Miranda (6 de agosto, 22.30 horas), a aleación de flamenco e pop de Soleá Morente (7 de agosto, 22.30 horas) e mais Hailu Mergia (8 de agosto, 22.30 horas).zu

As demais músicas decorrerán por táboas situadas na praia de Riazor, no Campo da Leña, na Casa Museo Casares Quiroga, nas prazas das Bárbaras, San Nicolás e José Sellier, na Fundación Seoane, no parque do Paseo das Pontes, no Bulevar do Papagaio e nas rúas Capitán Troncoso e Torreiro -aquí as sesións matinais-.  

É pouco discutíbel que a cabeza de cartel deste Noroeste corresponde a Patti Smith, precursora do punk, poeta de aspiración malditista e autora de tres ou catro discos imprescindíbeis da música moderna, en especial Horses (1975) pero tamén Radio Ethiopia (1976), Gone Again (1996) ou Trampin' (2004). Actuará na praia de Riazor a sexta feira, 9 de agosto, ás 22.45 horas. Pero na letra menos grande do festival tamén se agochan propostas de interese. Velaquí cinco delas.

Zu (6 de agosto, 23.15 horas, Campo da Leña). Este trío italiano de avant punk dixire todas as músicas máis alá do conformismo e facturan unha extrema amalgama en que respira o noise de combate, o free jazz e a electrónica experimentalista. Na súa ampla carreira discográfica rexistraron colaboracións co vocalista de Can Damo Suzuki, co saxofonista Mats Gustafson ou o cantante Mike Patton. O seu último traballo é Jhator (2017).

Faia (8 de agosto, 19.00 horas, Casa Museo Casares Quiroga). Integrante da exitosa banda pop folk De Vacas, Faia acaba de publicar Ao cabo Leirín, apaixonante ensaio sobre a memoria dos lugares, o canto tradicional e as gravacións de campo. Reivindicación da cultura popular e o papel das mulleres na mesma, é unha das grandes sorpresas da música galega recente.faia

Contenedor de Mierda (8 de agosto, 21.00 horas, Campo da Leña). Minimalismo punk, poesía reducionista, escatoloxía de combate, humor bruto. Porque ás veces cómpre concentrar as enerxías e que así o golpe resulte máis demoledor. Contenedor de Mierda son máis ben de Pontevedra e nas redes pódense atopar dous EP, o homónimo de 2016 e Ponte de Pijo (2018).

Paul Collins Beat (8 de agosto, praza de San Nicolás, 22.00 horas). Artista de culto presente en varios dos proxectos que cuñaron o subxénero power pop -The Nerves, The Beat-, das súas mans e a súa guitarra xurdiu un dos artefactos melódicos máis emblemáticos do pop de guitarras: The Beat (1979), melódica e nerviosa colección de hits potenciais. Out of my head (2018) é o seu último disco, aínda en coordenadas semellantes.

Hailu Mergia (8 de agosto, 22.30 horas, Castelo de Santo Antón). Organista e acordeonista, Mergia é figura senlleira do jazz etíope, subxugante variación sobre as músicas afroamericanas nada nos anos 70 e que introduce elegantes pezas funk. O rescate de elepés -en realidade casetes- como His Classical Instrument (1985) serviu para que volvera pisar un estudio de gravación con Lala Belu (2018).

O Festival Noroeste Estrella Galicia organízao o Concello da Coruña.

Nota: arriba, imaxe de Zu. Embaixo, de Faia. Cedidas polo Noroeste.