FRANCISCO CASTRO, EDITOR E ESCRITOR

“É máis importante fomentar a lectura que apoiar o libro”

“É máis importante fomentar a lectura que apoiar o libro”
Francisco Castro, escritor e editor
Francisco Castro, escritor e editor  

Hoxe sexta feira presentamos na libraría Cartabón de Vigo o A Fondo que en novembro dedicamos á promoción da lectura. Falamos co seu coordinador, Francisco Castro, escritor e editor, que nos conta as principais eivas neste eido e como superalas. 


- O teu artigo do A Fondo titúlase “Menos gramática e máis fantasía”. A educación é clave e ti fas un chamamento a mellorala. Cales son as súas principais eivas?
- A eiva máis grande é que no fondo as leis educativas non se toman en serio a promoción da lectura. É máis papel mollado, máis declaración de intencións que outra cousa. E outra eiva é o feito de que nunca haxa unha dotación importante de cartos para que as bibliotecas escolares estean nutridas. Sempre poñemos o exemplo de Finlandia, como o espello onde hai que mirarse, e cando rañamos un pouquiño no sistema educativo finés, alí non están obsesionados con ter un computador por alumna na aula, ou non están preocupados por sacar unha boa cualificación nos informes PISA, aínda que logo a sacan, senón que todo o sistema educativo gravita arredor do núcleo central da escola, que é a biblioteca e o libro. Outra eiva brutal é que nas escolas de Maxisterio non hai formación en promoción da lectura. Non hai nin unha soa materia relacionada coa literatura infantil e xuvenil. Por dicir tres que se me ocorren. 

"No fondo as leis educativas non se toman en serio a promoción da lectura"

- E que medidas se poderían tomar neste eido?
-  Claramente buscar unha dotación orzamentaria clara para as bibliotecas escolares. É dicir, que os seus responsables teñan ao seu dispor unha cantidade de cartos lóxica para poder nutrir as bibliotecas. Logo, obviamente, introducir nos plans de estudo de Maxisterio materias que nos permitan garantir unha formación clara neste eido. Outra clarísima sería permitir que as asociacións de escritores, como Galix, por exemplo, poidamos participar e axudar nesa formación. É curioso como para mentalizar os cativos en eduacación viaria axiña envían policías ou para falar de trastornos alimentarios envían persoal sanitario, sen embargo a ninguén se lle ocorre pensar que os escritores poderíamos facer moito e ben, como se fai noutros países, na promoción da lectura. Eu creo que iso é clave. E logo que caia un raio e lle cambie a mentalidade aos nosos poíticos e entendan que é crucial isto para a saúde democrática dun pobo. 

"Eu aínda non vin nin desde Madrid nin desde a Xunta ningunha clase de acción que nos faga pensar que se toman en serio a cuestión da promoción da lectura"

- Á marxe das cuestións educativas, que medidas se poderían tomar na promoción da lectura?
- En seguida se lles enche a boca aos nosos políticos dicindo “hai que facer un pacto de estado para nonseiqué”. Eu aínda non vin nin desde Madrid nin desde a Xunta ningunha clase de acción que nos faga pensar que se toman en serio a cuestión da prmoción da lectura, xa non quero cinguirme á lectura de obras galegas, só lectura. Eu teño claro que é máis importante fomentar a lectura que apoiar o libro, e o digo como editor que vive do libro. É básico. Porque se non hai lectores obviamos falar de sistema literario. 

- Se xa temos malos índices de lectura en xeral, máis baixos son aínda en galego. Que avaliación fas da lectura na nosa lingua?
- Non a fago eu, faina o Consello da Cultura. Hai un par de semanas publicaron un estudo sobre os hábitos de consumo cultural en Galiza e a verdade é que quedamos moi mal situados. Cando os políticos fan as súas avaliacións e din se unha sociedade ten motivos para o optimismo ou non case nunca reparan nese tipo de cousas. Somos un país no que se vai pouco ao cine, lemos pouco, case non pisa nunca os teatros. Loxicamente a avaliación non pode ser máis negativa.