DO 1 AO 10 DE XUÑO

Máis de trinta expositores na segunda Semana do Libro de Compostela

Máis de trinta expositores na segunda Semana do Libro de Compostela
Imaxe da edición da Selic de 2017. Foto: Concello de Compostela.
Imaxe da edición da Selic de 2017. Foto: Concello de Compostela.  

A segunda edición da Semana do Libro de Compostela (Selic) contará coa presenza de máis de 30 expositores entre o 1 e o dez de xuño na Praza da Quintana. Como novidade, “a programación esténdese a outros espazos”.
 


Editoras, librarías e institucións ocuparán os postos da Quintana, que acollerá unha nutrida serie de presentacións, entre outras das obras de poesía Cara de velocidade, de Marga Tojo, Culpable, de Eli Ríos, Tundra, de Carlos Negro ou Não tenho culpa de viver, de Ana Brouwer segundo Teresa Moure. Ademais, a sexta feira 8 de decembro, o poeta Antonio Gamoneda (Oviedo, 1931) manterá unha conversa con Claudio Rodríguez Fer.

A Semana do Libro, produto das “demandas do sector representado na Mesa do Libro de Compostela” -segundo indica o Concello de Compostela, organizador do encontro-, conta coa figura de “cidade convidada”. Desta volta será a portuguesa Póvoa de Varzim. Achegaranse á carpa da Quintana diferentes creadoras como Dulce Maria Cardoso ou a directora do festival Correntes d'Escritas, Manuela Ribeiro, presentada por Carlos Quiroga. Suso de Toro e Teresa Moure falarán sobre “nexos e fronteiras entre as literaturas galega e portuguesa”.

Máis alá da carpa, a Selic organiza paseos literarios: sobre a Compostela troiana, sobre os “feitos e os afectos” do poeta Salvador García-Bodaño, sobre a cidade de Fermín Bouza Brey e sobre a homosexualidade no medievo -guiado por Carlos Callón. Outras actividades, como unha contada de Quico Cadaval, a escenificación do libro Matar a Platón de Chantal Maillard ou unha lectura de Elias Knörr farán parte do programa Off Selic.

Haberá sección infantil. E, como na primeira edición, publicacións diversas. Entre os seis novos títulos da Selic, cinco xuntarán relatos de Maupassant, Chekhov, Apollinaire, Poe ou Kafka traducidos por Pepe Sendón. O outro, Contos composteláns, reúne achegas de Ramón Caride Ogando, García-Bodaño, Marilar Aleixandre, Miguel Anxo Murado, Gonzalo Navaza e Helena Villar Janeiro.