MARÍA XOSÉ SILVAR, SES

“O que máis triunfou foi a idea de que ti fas canción política e Maluma non”

“O que máis triunfou foi a idea de que ti fas canción política e Maluma non”
Sés. Imaxe: Uxía Castro.
Sés. Imaxe: Uxía Castro.  

Rabia ao silencio é o título do novo disco de María Xosé Silvar, Sés (A Coruña, 1982). Conversamos con ela sobre o seu sexto traballo de estudo, unha homenaxe á canción de autora revolucionaria. Podes ler un extracto da entrevista publicada no número 341 de Sermos Galiza.


2Por que un disco de versións?

Non é un disco de versións. Eu digo que é un disco de versións e non meu porque para considerar un disco meu ten que ser da miña autoría. Pero na realidade a maioría das persoas que fan música, sobre todo as intérpretes, non son autoras dos seus discos e, porén, non lles chaman discos de versións. Buika leva catro discos cantando clásicos e non lles chama discos de versións. Creo que Rabia ao silencio non é un disco de versións. Pero si, non son cancións miñas. Tampouco é importante iso. Non obedece a nada musical, pero é que en min nunca nada obedece a algo musical. É unha homenaxe, saldar unha débeda con esa xente que me ensinou a pensar e a ser libre e a ser valente.

Tamén serve para facer certa árbore xenealóxica de Sés. Pero escolle música de intervención, cando nos seus discos digamos orixinais hai tamén rock, blues, corridos, ska...

A canción testemuñal, a canción de autora, está sempre ligada a unha determinada estética. Pero iso é real. É como se só lle concedeses a autoría a unha persoa que prescinde da sección rítmica. Eu basicamente sempre digo que escoito folclore, músicas folk. O blues é folclore tamén, o rock & roll da Creedence era folk tamén... É popular, tan popular como Luar na Lubre. A Creedence é tan popular como Ketama. Non inventaron ningún ciclo harmónico nin rítmico. Teñen 300 cancións gravadas exactamente co mesmo, como John Lee Hooker ou Robert Johnson. O que sorprende de Rabia ao silencio non é culpa miña, senón das categorizacións creadas por unha industria á que pertenzo pero que non me inflúe á hora de facer. O que aprendín deles é que se queres podes facer o que queres. O “estamos condenadas a ser libres” de Sartre. Por que o fixen? Basicamente porque non podía sacar outro disco porque me dixeran: “É que sacas moitos discos, para de sacar discos”. Ademais, a min Viglietti presentoumo Jara. A Parra presentouma Sosa. A Atahualpa presentoumo Cafrune. Eu tamén lle podo presentar alguén ás rapazas de 15 anos que non van escoitar un disco antigo. Daquela, é unha forma de pagar o que se me deu a min. Son máis romántica do que parece.

As cancións están espidas: voz, guitarra, acordeón, algunha frauta. Como toma esa decisión?

Non precisaba máis. Moitas veces preguntan por que. E por que non? Se non lles fai falta máis, non fago falta nin eu, que canto porque alguén ten que cantar. O importante é a canción. Pero se fas un rock & roll necesitas unha batería. Tela na túa cabeza pero a xente non. Aquí non se necesitaba máis, creo que están moi ben resoltas, integradas esteticamente no conxunto instrumental e na lingua. Dábame pavor unha onda ortopédica. Por iso tampouco acudín a hits, que son máis asequíbeis e carece de sentido que eu os achegue. A maiores, algúns temas non os atopaban na discográfica, non estaban nin rexistrados. Son descoñecidos, aínda que a xente diga que os coñece.

O caderno do disco contén unha pequena contextualización de cada tema.

Aí vese a vontade é pedagóxica.

A maioría dos orixinais son dos anos 60 e 70. Na actualidade bota en falta música de contido político?

A min gústame moito o que lle chamaban en América Latina canción testemuñal. Porque é un termo imparcial, non alude a unha necesaria modificación ou chamada, senón ao seu carácter de crónica. Boto en falta, si. O carácter individualista do sistema actual vese na produción artística en xeral. O que máis triunfou foi a idea de que ti fas canción política e Maluma non. Ti fas canción política e Shakira non. Que se pode facer canción sen ser política. Que se pode ser un ser humano non político. Esta é chave do triunfo. A desideoloxización vén da falacia da música aséptica ou neutral.

[Podes ler a entrevista íntegra no número 341 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]