'A MEMORIA DA ÁRBORE', PREMIO LLIBRES ANAGRAMA, EN GALEGO

A maneira en que o cativo Jan ve o mundo

A maneira en que o cativo Jan ve o mundo
A escritora Tina Vallès. Foto: Vilaweb.
A escritora Tina Vallès. Foto: Vilaweb.  

“Pequena alfaia de gran nivel literario” foi a definición ofrecida polo xurado do premio Llibres Anagrama de novela sobre A memoria da árbore, o último libro da escritora catalá Tina Vallès. Faktoria K vén de publicar a versión galega da man do poeta e tradutor Xavier Rodríguez Baixeras.
 


Estruturada en breves capítulos, de fondo alento poético, protagonizada e narrada polo pequeno Jan, a novela investiga en como se transmite a memoria, na dimensión colectiva da vida, nas relacións de familia, en como se apagan os recordos. O fallo do Anagrama salientou “a habilidade narrativa da autora, o estilo contido, o alto dominio da lingua e a credibilidade da voz do narrador”.

faktoria k

Pequenas viñetas van edificando o relato, que traza a reconstrución da familia cando os avós Jan van vivir con el e cos seus pais. “Será un cambio que vai alterar o día a día da familia de toda a familia”, explica o comunicado de prensa de Faktoría K, “a partir dese momento, as palabras e os silencios terán novos matices na vida cotiá”.

Jan, apenas un rapaciño, buscará a súa propia vía para comprender o que sucede. “Ten o seu propio mundo, cheo de paseos, árbores e letras”, continúa o texto promocional, “mentres os adultos fan o posíbel para manter a normalidade, Jan estará atento a todos os detalles que o rodean”. Preguntas sen resposta e respostas sen pregunta, di. Un salgueiro chorón, esa árbore con recordos do título, unifica as diferentes vías narrativas da obra.

“Trátase dunha novela conmovedora e fermosa, feita dende a sinxeleza e a sutileza narrativa, mais con frescura e cunha gran ambición”, conclúe a editorial. A memoria da árbore é a última peza de Tina Vallès (Barcelona, 1976) non especificamente dirixida ao lectorado infantil. Ademais do Anagrama, foi distinguida tamén co Maria Àngels Anglada, do Concello de Figueres e a Deputación de Girona.

Filóloga e tradutora, Vallès é ademais activa articulista de prensa.



x