Maniac: ver a realidade cos ollos do protagonista

Maniac: ver a realidade cos ollos do protagonista

Filme de xénero e exercicio de estilo técnico notábel, cunha lección de como encadear planos secuencia e facer un emprego do plano subxectivo (vemos polos ollos do protagonista). Todo iso está en Maniac, a escolla desta fin de semana do noso crítico Andrés Castro.


MANIAC
Ano: 2012
Duración: 90 min.
Nacionalidade: Francia
Director: Franck Khalfoun
Guión: Alexandre Aja e Grégory Lavasseur
Fotografía: Maxime Alexandre
Música: Robin Coudert
Reparto: Elijah Wood, Nora Arnezeder, America Olivo, Morgane Slemp, Loane Balaban, Genevieve Alexandra

SINOPSE
Frank (Elijah Wood) ten unha tenda de manequíns. Un día coñece a Anna (Nora Arnezeder), unha fotógrafa que lle solicita axuda para unha exposición e pronto fan amizade. Pero Frank agocha un escuro e perturbador segredo co que terá que lidar para que non esperten os seus desexos máis profundos.

CRÍTICA
Chega con dous anos de retraso (presentouse na premiere do Festival de Cannes do 2012) este slasher francés protagonizado por Elijah Wood e producido (e guionizado) por Alexandre Aja e Grégory Lavasseur, un dos tándem máis prometedores dos últimos tempos. Alternando entre dirección e produción ambos están dando un novo impulso ao xénero (“Alta tensión”, “Os outeiros teñen ollos” ou “Reflexos”). Nesta ocasión deixan a dirección a outro compatriota Franck Khalfoun, co que xa colaboraran en “Parking 2”, que a pesar do nome non era unha segunda parte de nada. “Maniac” é un remake daquela película de culto homónima de 1980 dirixida por William Lustig. Segue habendo sangue, vísceras e asasinatos violentos, pero nesta ocasión a dirección prima por riba de todo. Khalfoun fai unha película onde nos poñemos literalmente nos ollos do asasino. Toda a película está feita en plano subxectivo, é dicir, o que vemos é directamente o que está a ver o asasino. A cámara sitúase á altura dos seus ollos. As personaxes (e vítimas) falan directamente á cámara, e por tanto ao espectador,  facéndoo partícipe dunha especie de xogo macabro non apto para mentes sensibles. Ben, toda a película non é completamente en plano subxectivo: nas fantasías, soños e un par de secuencias onde parece saír en éxtase tras asasinar, a cámara sae dos ollos e vese a Elijah Wood de corpo enteiro. Tamén xoga cos reflexos nos cristais, espellos, coitelos e demais para mostralo. De feito desde o primeiro momento xa sabemos quen é o asasino a través dun retrovisor e déixao ben claro cun título xigante en vermello que pon o título do filme, pero a cuestión no é ocultar o seu rostro ou descubrir quen é o asasino. Preténdese máis ben transmitir ao espectador as paranoias dun maníaco mestura entre Norman Bates e Hannibal Lecter.

A medida que avanza, o filme vai tornándose nun máis difícil aínda de xiros e cámara en man

Que o tolo sexa o bo de Frodo, é unha mera circunstancia que logra, se cabe, facelo algo máis inquietante. Xunto a Elijah Wood, a actriz francesa Nora Arnezeder (“O que o día debe á noite”, “Angélique”), que fai da fotógrafa da que se namora o maníaco. Cumpre o rol de moza que sabemos que non vai acabar pasándoo moi ben... A pesar de desenrolarse na época actual hai en “Maniac” unha estética oitenteira potenciada pola música de sintetizadores, en plan cutre, de Robin Coudert (“Populaire”, “Rock the Casbah”), músico francés de pop/rock máis coñecido coma Rob e por ser o produtor musical da adolescente Alizeé. Pega ben co filme e de paso faille homenaxe ao filme de Lustig no que se basea. Pero o que realmente chamará a atención, e polo que pasará á historia este filme, é pola elección de facer toda a película co recurso do plano subxectivo, e por riba acadar facelo interesante. É certamente curioso como Khalfoun resolve certos planos secuencia. A medida que avanza o filme vai tornándose nun máis difícil aínda de xiros e cámara en man, pero sen chegar a saturar, alternando recursos de espellos ou ensoñacións. Unha dirección máis que notable apoiada nunha excelente fotografía de Maxime Alexandre (habitual do binomio Aja–Lavasseur) e nuns efectos especiais realistas que por momentos homenaxean a George A. Romero e que poden revolver o estómago a algún espectador impresionable. Faltaba na carteleira unha boa película de xénero que inquietara ao espectador ata revolverse na butaca. “Maniac” conségueo...