QUINTA FEIRA 23 DE MAIO EN COMPOSTELA

Manuel Miragaia presenta o seu último libro, 'Galeguia'

Manuel Miragaia presenta o seu último libro, 'Galeguia'
O escritor Manuel Miragaia. Foto: AELG.
O escritor Manuel Miragaia. Foto: AELG.  

Unha conferencia a dúas voces, de título Momentos de Galiza e Portugal, servirá a vindeira quinta feira, 23 de maio, para presentar a última obra de Manuel Miragaia (A Coruña, 1958), Galeguia. Será no Espazo Enocultural Vide, Vide! de Compostela ás oito e media do serán.
 


Editada por Chiado, con ilustracións de Manel Cráneo, Galeguia é un libro de poemas arredor das “relacións históricas entre a Galiza e Portugal”. Mitolóxico e ao tempo histórico, “recolle o pasado e sintetiza as ideas principais coas que se conformou o galeguismo desde o século XIX até hoxe”.

Galeguia-Capa-Imaxe

Así, polas páxinas de Galeguia desfilan Hermerico, Vímara Peres, Pardo de Cela, Rosalía de Castro, Xohán Vicente Viqueira, Castelao, Man de Camelle... Pero non só nomes ilustres, tamén dedica Miragaia páxinas ás clases populares que, ao cabo, fan a historia: labregos e mareantes, habitantes da Galiza estremeira ou do Couto Mixto. A saudade comparece, en pé de igualdade co “futuro desexábel para Galiza”.

“Na época do global e o rápido, a voz de Galeguia volta para o passado, joga com os mitos e tece cumplicidades entre o povo galego e o português, esses que mantêm um longe-perto inquietante”, escribiu ao respecto a novelista e ensaísta Teresa Moure.

Na presentación de Compostela, organizada pola asociación cultural O Galo, Miragaia estará acompañado de Luís González Blasco, Foz.

Nota: cuberta de Galeguia (Chiado, 2017).