LIBRO DE ARTIGOS NO 'FARO DE VIGO'

Un mapa literario do Cunqueiro serodio

Un mapa literario do Cunqueiro serodio
O escritor Álvaro Cunqueiro. Foto: cedida.
O escritor Álvaro Cunqueiro. Foto: cedida.  
Un artigo publicado por Álvaro Cunqueiro o 6 de xaneiro de 1974 no Faro de Vigo incluía toda unha declaración de intencións, case unha manda: “E, naturalmente, con ese fondo de tristura que é o grande luxo que soio poden permitirse os mozos, e que pra adulto usado como o que estas liñas escribe, sería como a recomendación da ialma, en vésperas da morte”. A este Cunqueiro serodio e con todo vital salvábao tamén a literatura, como se deduce da compilación No obradoiro do fabulador, á que pertence o texto citado.

En realidade a peza xiraba a arredor de Rexistro de menores espantos (1973), primeiro libro de Xoán Manuel Casado (Barcelona, 1949-2002) e que, no ver do mindoniense, anunciaba un “poeta novo”, pois nel estaban “todas as sementes que mañá trocarán en xardíns”. É unhas das 135 recollidas por Iago Castro Buerger e Xosé-Henrique Costas, editores do volume publicado por Galaxia coas “artigos en lingua galega” orixinais do Faro de Vigo -xornal que dirixiu o propio Cunqueiro- entre 1972 e 1981.No-obradoiro-do-fabulador-vol-II

A obra asómase ao universo cunqueiriano desde unha rara perspectiva. Trátase do escritor xa consagrado para a case clandestina literatura galega e igualmente celebrado en castelán, xornalista con responsabilidades de dirección, sempre en contacto co galeguismo histórico malia a súa proximidade ao falanxismo durante a Guerra Civil e a posguerra. Nestas páxinas percíbese o autor informado, coñecedor da república universal das letras que pasa dos novísimos galegos aos estudos sobre Bertolt Brecht. Ou que arriscadamente considera Sylvia Plath unha poeta menor se a compara con Dylan Thomas.

“A obra xornalística de Cunqueiro non funciona como un apéndice simpático e erudito de curiosidades, tópica e teimas variadas, senón como unha parte cuantitativa e cualitativamente ben significativa do macrotexto cunqueiriano”, consideran Castro Buerger e Costas na introdución de No obradoiro do fabulador. Este non é tanto o particular canon do creador de Merlín e familia como un despregamento de saber xeoliterario inzado de apuntamentos poéticos, traducións e (auto)teoría literaria.

Salvador Espriu, Miguel González Garcés, o 50 aniversario do Ulises, as novelas de Rosalía de Castro, a súa singular querenza pola gastronomía fantástica, novidades literarias brasileiras ou o Vilardevós de Silvio Santiago sométense ao que os editores denominan “obradoiro do fabulador”: a súa escrita no perecedoiro papel xornal, a súa ollada sobre as cousas de letras. Este é o segundo volume dedicado aos materiais en galego publicados no Faro de Vigo despois do que xunta os aparecidos entre 1963 e 1971. En O mundo que teño de meu apañaran outros de prensa e revistas diversas datados de 1930 a 1980.

Castro Buerger e Costas revisaron para o seu traballo 16.000 exemplares de 17 publicacións diferentes. Rescataron 400 artigos en galego, un cento de poemas que non figuraban en libro e 500 traducidos ao galego e asinados por algún dos seus 30 pseudónimos. “Cunqueiro non quixo saber de lindeiros e marcos entre os distintos xéneros literarios”, conclúen os investigadores, “o xénero literario escollido en cada momento foi apenas unha ferramenta para contar historias e conmover a quen o lese”.