As “fontes orixinais” de Miguelanxo Prado descóbrense na mostra "Mar interior"

As “fontes orixinais” de Miguelanxo Prado descóbrense na mostra "Mar interior"
Fragmento dunha ilustración de Trazo de xiz
Fragmento dunha ilustración de Trazo de xiz  

Mar Interior é o título da exposición que mostrará a partir do 1 de agosto 59 obras de Miguelanxo Prado, unha retrospectiva ao coidado de Fausto Isorna que nos achega ás “fontes orixinais” da súa traxectoria. Ficará aberta no Museo das Peregrinacións de Santiago.


O autor Miguelanxo Prado agarda que as persoas que visiten a retrospectiva Mar Interior no Museo das Peregrinacións “tiren do encontro ese pracer tan humano que supón coñecer a fonte orixinal das cousas, ver a pegada material que hai antes do proceso industrial”. Un total de 59 obras compoñen a mostra retrospectiva, o “álbum de fotos familiares” -como o autor di- que comisaria o tamén ilustrador Fausto Isorna, unha das dúas trabes, xunto con Genma Sesar, de El Patito Editorial, selo que está a editar a obra de Miguelanxo Prado en galego e que produce tamén a exposición. 

A mostra divídese en dúas partes. Unha delas está protagonizada polo álbum Trazo de Xiz, obra central na traxectoria de Prado e co mar como protagonista así como De Profundis e a recente Ardalén. Por medio de vitrinas expóñense unha selección das obras publicadas, desde traducións a turco, finlandés, portugués, inglés, alemán, francés ou italiano xa que o autor conta con obra publicada en 17 idiomas. A outra parte recolle traballos dos inicios, cando colaboraba nas revistas dos anos oitenta ademais dunha selección de ilustración creadas para libros de nomes como Laura Esquivel, Agustín Fernández Paz ou Manolo Rivas. A sala complétase con bocexos dos seus personaxes para a serie de animación Men in black, de Steven Spielberg, ademais do popular Xabarín.

En toda a mostra, o mar como protagonista, elemento central da traxectoria dun dos autores máis premiados e recoñecidos do panorama cultural galego e un dos de maior proxección fóra das nosas fronteiras.