Marcos M. Puhinger: “O barrio está encantado co retrato de Kruckenberg”

Marcos M. Puhinger: “O barrio está encantado co retrato de Kruckenberg”

As escaleiras que soben á viguesa rúa Rosalía de Castro mudaron en tres días. Un inmenso retrato de Mª do Carme Kruckenberg están a convertelas nunha foto que se repite nas redes sociais. O autor é o artista Marcos M. Puhinger que recibe estes días moreas de parabéns pola súa obra. 


-Como naceu o proxecto de pintar na rúa a imaxe de Mª Carme Kruckenberg?

Foi un encargo do Proyecto Ewa, un grupo de Vigo que fai moitas accións no mundo da poesía e a arte. Querían facerlle unha homenaxe a Mª do Carme Kruckenberg, presentárona no Concello e a súa iniciativa aprobouse. Eu son só o instrumento para levalo a cabo. 

-A verdade é que mudou esa escaleira que sube a Rosalía de Castro... 

Estaba bastante fea, estaba. Hoxe fun ver o resultado, despois de tres días de traballo intenso con entre 10 e 12 horas diaria e comprobei que no barrio están encantados. O valor do proxecto é de Ewa e eu son só o que o fago mais estes días non paran as felicitacións e no facebook foi unha revolución. 

-En poucas ocasións se fai un encargo para pintar un muro... 

Xa era hora de que nos puxeramos as pilas neste sentido, noutras cidades grandes acontece. En Madrid e Barcelona hai auténticas marabillas e é unha maneira de levar a cultura, neste caso non só o debuxo senón tamén a poesía ao ámbito público. Regalarlle á cidade algo que merece. Ademais é interesante que conten con artistas locais porque das a coñecer xente que está escondida e apenas se ve. 

-A iniciativa máis grande que se desenvolve neste sentido é o proxecto de Carballo...

En Vigo fixéronse algunhas actuacións e algunha moi grande. Hoxe saína rúa e todo o mundo di o mesmo, que é unha maneira incríbel de embelecer a cidade, de levar os museos á rúa. De repente, vas por unha rúa e ves unha obra de arte e iso é unha sorpresa marabillosa. Normalmente a arte urbana é espontánea e ás veces non acaída ao espazo mais cando se fai no sitio adecuado é alucinante. 

-Que dimensións ten o retrato de Kruckenberg? 

puhinger4

Máis ou menos, dous metros e medio de alto por tres de longo. Iso o pano do retrato mais logo hai dous panos do mesmo tamaño no que se puxeron dous poemas da autora. A foto xa en si é extraordinaria. A súa autora Isaura Docampo é tamén coma min de Redondela e o debuxo reproduce o seu gran traballo. 

-O retrato no muro está a revolucionar a rede mais vostede leva xa tempo no mundo da arte, en especial, no debuxo con boli bic... 

Na miña adolescencia facía graffiti pero despois funme dedicando á arte no lenzo e no papel. O hiperrealismo fascinoume sempre e o boli bic dá grandes posibilidades, encántame traballar con el. Chegas a facer case unha fotografía e enganar á xente. No primeiro momento pensas que é unha foto e logo, cando te achegas, notas a traza do bolígrafos. Hai dous anos abrín a miñaxina de facebook e alí pódese ver a miña obra. 

-Ademais de oficio, require moita paciencia o debuxo a boli?

Tes que empregalo case como se fora un lapis e iso leva tempo e práctica. É necesario rozar o papel case sen deixar tinta. 

-Vostede traballaba na Cipuhingertroen, a arte pesou tanto como para abandonar o posto?

Deixeino por saúde mental e física. Era traballar arreo e case sen descanso, moi duro, e tiven problemas serios de costas. Despois de doce anos acabei moi tocado non só física senón tamén psicoloxicamente. Decidín dar o paso apoiado por amigos e pola miña parella e dedicarme a pintar e agora son feliz. 

-É moi difícil sobrevivir neste mundo?

A arte gústalle a todo o mundo, o que pasa é que se volve atrás cando sabe o que vale un cadro. Os prezos non son excesivos porque un cadro son por volta de 50 horas e vale 500 euros mais no tempo que vivimos é complicado. Claro que é difícil mais as cousas van indo e eu son feliz diante dunha mesa cun bolígrafo e un papel. Onte, despois de doce horas de traballo, escribín no meu facebook o contento que me sentía e a diferencia que era traballar así a facelo nun lugar onde só es un número e ninguén te valora.