En Marea promete un programa electoral “para o benestar de galegas e galegos”

En Marea promete un programa electoral “para o benestar de galegas e galegos”
De esquerda a dereita, as candidatas de En Marea Cristina Pérez Herráiz, Iris Malvido, Luís Villares (portavoz), Ana Seijas e Iván Olmos. Foto: En Marea.
De esquerda a dereita, as candidatas de En Marea Cristina Pérez Herráiz, Iris Malvido, Luís Villares (portavoz), Ana Seijas e Iván Olmos. Foto: En Marea.  

A En Marea de Luís Villares xa prepara o seu programa para o 28A. Iniciou os traballos este sábado nunha “sesión colaborativa e aberta” en Vigo. Dela sae unha conclusión primeira: “Somos a única forza política que, co seu programa electoral, será capaz de ofrecer unha solución determinante para a mellora do benestar das galegas e galegos”.
 


Así o sinalou o portavoz Luís Villares, acompañado das candidatas ao Congreso Iris Malvido por Pontevedra, Ana Seijas pola Coruña, Iván Olmos por Ourense, e Cristina Pérez Herráiz por Lugo. “A formación avanza na elaboración dunha folla de ruta que qere servir para achegar solucións reais ás preocupacións da rúa”, sinala o partido.

A nova En Marea que opta a sentar nas Cortes -da que se decolgaron Anova, Esquerda Unida e Podemos- pretende “deixar atrás os recortes e as políticas do PP. Mais tampouco valen cheques en branco ao Partido Socialista”. Villares mencionou en concreto a necesidade de derrogar a Lei Mordaza, que “impide expresar na rúa aquilo que hai que contar”. “En Marea é a única forza política galega capaz de determinar en positivo a gobernabilidade do Estado”, afirmou, “unha forza que vai ser capaz de derrogar a Lei Mordaza e as reformas laborais”.

O voceiro de En Marea continuou cun repaso da precariedade laboral -“que afecta sobre todo ás mulleres”-, da regulación do mercado eléctrico ou da recuperación da memoria democrática.

Luís Villares concluíu xustificando “o voto en contra de En Marea” aos orzamentos do Estado, cuxo rexeitamento de inicio de tramitación provocou a caída do Goberno de Pedro Sánchez. As contas “non respectaban aquilo que era esencial para o desenvolvemento da área metropolitana da Coruña nin a de Vigo”.

En realidade, só unha das cinco deputadas de En Marea no Congreso seguíu a directriz da cúpula galega da confluencia e votou contra a tramitación do orzamento do PSOE. Este desacordo precipitou a ruptura da alianza de esquerdas en dúas partes, a En Marea de Villares, e a candidatura En Común Podemos, que agrupa Esquerda Unida, Equo e Podemos. Anova, o partido de Xosé Manuel Beiras, decidiu inhibirse do proceso electoral do 28A.