É A PRIMEIRA MULLER EN OBTER A DISTINCIÓN

Margarita Ledo recibe o Otero Pedrayo: “A lingua sálvanos”

Margarita Ledo recibe o Otero Pedrayo: “A lingua sálvanos”
Margarita Ledo. Foto: Laura R. Cuba.
Margarita Ledo. Foto: Laura R. Cuba.  

A cineasta, escritora, académica e catedrática Margarita Ledo Andión (Castro de Rei, 1951) converteuse onte na primeira muller en obter o Premio Otero Pedrayo outorgado polas deputacións galegas.  “A lingua salva a Otero e sálvanos a nós. Por iso estamos acó hoxe”, rematou Ledo Andión o seu discurso de agradecemento no pazo provincial pontevedrés.
 


A autora da novela Trasalba ou Violeta e o militar morto (1985) repasou a súa estreita relación coa figura e as ideas de Otero Pedrayo. Que comezou nunha familia republicana, a súa, e a memoria de como o intelectual galeguista “con Castelao, dixo si ao dereito das mulleres a votar, a seren cidadás plenas”. Foi nas Cortes en que ambos os dous eran deputados do Partido Galeguista.

 

“Hoxe entrecrúzanse sinais múltiplas”, engadiu, “os 130 anos do nacemento de don Ramón e, singularmente, os 60 anos da 'derradeira lección de Otero”. Esta foi a primeira aula en galego impartida na universidade galega despois da Guerra Civil. E, na semana en que sucederá a histórica folga feminista do 8M, Ledo non esqueceu amosar o seu compromiso coa mesma: “Terán lugar unha restra de accións para chamarmos a atención sobre un devalo -termo tan oteriano- que intensifica os mecanismos, visíbeis e latentes de control, submisión e desprezo de nós”.

 

A glosa sobre a vida e a obra da galardoada correspondeu á súa colega escritora e académica Fina Casalderrey. A muller dos zapatos andantes, titulouna. De “fervenza de militancia e inconformismo, de entusiasmo resistente”, cualificouna, “unha insubmisa, comprometida co país dende moi nova”. A transgresión e o seu carácter pioneiro en non poucos ámbitos da cultura tamén foron sinalados por Casalderrey.

 

A presidenta de Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o responsábel da área de cultura da institución, Xosé Leal, salientaron Ledo Andión como “un expoñente de cultura de excelencia do país” e o seu papel “na defensa do galego e da cultura galega”.



x