Maria Bethania, doutora honoris causa da Universidade Federal da Bahia

Maria Bethania, doutora honoris causa da Universidade Federal da Bahia
Maria Bethânia nunha imaxe de 2012
Maria Bethânia nunha imaxe de 2012  

A cantora, compositora e intérprete brasileira Maria Bethania vén de ser recoñecida co título de doutora honoris causa pola Universidade Federal da Bahia (UFBA).


Maria Bethania recibiu o título doutora honoris causa da UFBA, recoñecemento que propuxo a Facultade de Arquitectura e Belas Artes, Teatro, Danza e Música, que este ano fai a mesma idade que a homenaxeada: 70 anos.

Na cerimonia en que se lle outorgou o recoñecemento, citáronse os principais proxectos de Bethania, discos, premios e galardóns en todo o mundo, así como a conexión da artista coa lingua portuguesa e coa poesía. Entre outras consideracións, apuntouse que Bethania “é dona de maxistrais interpretacións musicais e textuais” e presentouse como “unha das maiores cantoras que o Brasil viu xurdir”.

O reitor da UFBA, , João Carlos Salles, puxo de manifesto a alegría pola entrega do título a Bethania, en medio do “momento difícil en que vivimos, sobre todo politicamente”. “Bethania expresa esa vitalidade da cultura baiana e eu penso que iso foi recoñecido coa súa forza de intérprete, coa súa forza de creadora”, engadiu.

"Imaxina, recibir o título de doutora honoris causa, nunca pasou pola miña cabeza, mais foi emocionante"

A homenaxeada, que deixa a súa voz e a súa poesía como dous bens patrimoniais inmateriais do Brasil, dixo sentirse “conmovida” polo recoñecemento da universidade. “Imaxina, recibir o título de doutora honoris causa, nunca pasou pola miña cabeza, mais foi emocionante. Estou moi emocionada, moi feliz. Foi unha novidade na miña vida. Fiquei moi, moi feliz”, sinalou, en declaracións á prensa.

Bethania participou de espectáculos teatrais e musicais que lanzaron a súa voz potente e singular alén do Brasil. A súa carreira popularizouse en 1965, cando substituíu a cantora Nara Leão no espetáculo Opinião, no Rio de Janeiro, ao lado de Zé Keti e João do Vale. A calidade da súa interpretación de Carcará, de João do Vale, deulle eco en todo o mundo. Tamén ligada á poesía, impulsou un libro cos poemas dos seus poetas preferidos, entre eles Fernando Pessoa e Castro Alves.