CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

María (e os demais)

María (e os demais)
Un fotograma do filme
Un fotograma do filme  

María (e os demais)

(Catalunya-Galiza 2016, 90 min.) 
Dirección: Nely Reguera
Guión: Nely Reguera, Roger Sogues, Eduard Sola, Valentina Viso e Diego Ameixeiras.
Fotografía: Aitor Echevarría
Música: Nico Casal
Elenco: Barbara Lennie, José Ángel Egido, Pablo Derqui, Julián Villagrán, María Vázquez, Rocío León, Luisa Merelas, Marina Skell, Vito Sanz, Ernesto Chao, Miguel de Lira, Xúlio Abonjo, Alexandra Piñeiro

SINOPSE
María coida de seu pai enfermo desde fai tempo asumindo, con orgullo, o rol de alicerce da familia. Cando este anuncia que casa coa enfermeira, María sinte que o mundo se lle vén encima.

CRÍTICA

Debut na dirección de longametraxes da catalá, de ascendencia galega, Nely Reguera. Faino cunha comedia dramática ambientada, e rodada, integramente en Galiza e coproducida por Frida Films que trata da crise dos trinta a través de María, unha  responsable, e bastante controladora, muller que soporta o peso familiar desde que perdeu a súa nai cando era pequena. Desde entón asume un rol algo impropio para a súa idade. Un rol que apenas lle deixa tempo para si mesma pois váiselle todo en coidar do seu pai, o traballo de dependenta nunha librería e no remate dunha novela que se lle resiste. Lonxe de querer saír desta rutina, María está cómoda: semella unha excelente escusa para eludir pensar nun futuro incerto no que ve que o seu entorno cambia a pasos axigantados. Todo o mundo vai tendo fillos, parella estable e asumindo demais responsabilidades de adulto. Ela está ben. Todo controlado. Pero claro, non conta cun “plan B”. O imprevisto da repentina voda do seu pai porá patas arriba a súa vida... Bárbara Lennie (El Niño, Magical Girl) métese na pel de María, unha muller soñadora, fráxil e bastante insegura. O rol vaille como unha luva. Xenial, extraordinaria, perfecta. Calquera cualificativo queda curto. Probablemente o filme non funcionaría sen ela. “Os demais” do título son, entre outros: José Ángel Egido (Os luns ao sol, Little Galiza) no papel do pai, María Vázquez (18 comidas, A praia dos afogados) como a mellor amiga da protagonista, ou o gran Miguel de Lira (Os fenómenos, A esmorga) coma dono da librería. Luisa Merelas (Somos xente honrada, Lobos sucios), Xulio Abonjo (Encallados, Einstein-Rosen) ou Ernesto Chao (O ouro do tempo, Migas de pan), completan un elenco con gran presenza galega, mágoa que non se fale tamén en galego... mais sendo xustos tampouco é algo que se lle poida exixir a unha directora catalá cando aquí aínda hai moi poucos realizadores galegos que opten por filmar no seu propio idioma.

Á marxe do idioma empregado no filme hai que recoñecer que Nely Reguera logra captar bastante ben toda a idiosincrasia galaica

En fin, á marxe do idioma empregado no filme hai que recoñecer que Nely Reguera logra captar bastante ben toda a idiosincrasia galaica, quitando que a combina cun humor moi propio de moderna de pueblo e mete algún que outro tópico gastronómico prescindíbel que, iso si, destila esa nostalxia daqueles veráns que pasaba na casa familiar paterna cando era cativa. De feito utiliza este recorrente pretexto galego das comidas familiares como entreacto narrativo entre as numerosas desventuras coas que ten que lidar a coitada María. Comidas/reunións familiares que, por certo, están regadas con abundante augardente, viño e cervexa local con denominación de orixe e correspondente product placement, que con algo hai que se financiar. Pódeselle achacar tamén certa lixeireza na relación paterno-filial e tamén que resolve algo precipitada, sobre todo tras vir de emocionarnos dunha maneira tan intelixente nos minutos previos. En xeral o conxunto é notábel. Deixa un máis que agradábel sabor no padal e, a pesar de ter unha trama con certo pouso amargo, é tamén extremadamente divertida. Risas, drama e costumismo galego son a base dunha historia que, sen ser autobiográfica, de seguro conta con pequenos anacos da vida dunha Nely Reguera que firma o guión xunto a Eduard Sola, Valentina Viso, Roger Sogues e Diego Ameixeiras. María (e os demais) ten protagonista feminina e é un filme feito maioritariamente “por mulleres”, mais non só “para mulleres”. Un fiel reflexo de toda unha xeración a través dun prisma amable que trata de ser positivo centrándose sobre todo no proceso de madurez, mais ca no resultado.



x