María Reimóndez, Ledicia Costas e Eduardo Santiago gañan os Premios Xerais

María Reimóndez, Ledicia Costas e Eduardo Santiago gañan os Premios Xerais
Eduardo Santiago, María Reimóndez e Ledicia Costas en San Simón.
Eduardo Santiago, María Reimóndez e Ledicia Costas en San Simón.  

María Reimóndez o Xerais, Ledicia Costas o Merlín e Eduardo Santiago o Xulio Verne. Son os nomes dos Premios Xerais que se entregaron este sábado día 7 na Illa de San Simón. 


Dende o conflito é o título da novela de  María Reimóndez que o xurado escolleu para o Premio Xerais de Novela 2014. Con Escarlatina. A cociñeira defunta, Ledicia Costas fíxose co Merlín de literatura infantil e O Gran Reino valeulle a Eduardo Santiago o Jules Verne de literatura xuvenil. @s tres recibiron os premios no acto que se desenvolveu, como cada ano, na Illa de San Simón que congregou un amplo número de persoas do mundo da literatura na convocatoria anual da editorial Xerais. 

En Dende o conflito, a escritora María Reimóndez ponse na pel de Saínza Combarro, unha xornalista galega residente en Londres que cobre guerras para a BBC e viaxa para relatar en primeira persoa a dura realidade de Irak, de Afganistán, de Etiopía, de Sri Lanka ou de Haití. “Vive en carne propia o dilema de optar entre o cinismo e a resignación á hora de relatar o que ve cos seus propios ollos ou optar por defender a verdade íntima de quen é testemuña dos feitos máis arrepiantes”, valorou o xurado dunha novela coa que a autora homenaxea ás mulleres xornalistas que “souberon poñer a verdade dos conflitos bélicos por enriba de todo, mesmo por riba da súa propia seguridade, como fixeron Marie Colvin, Sofía Casanova, Martha Gellhorn ou Lara Logan”. 

Define así o xurado Dende o conflito como unha “novela sobre o xornalismo, sobre a guerra, sobre o abismo entre o norte e o sur, sobre a pobreza, sobre a fame, a miseria e a marxinación, pero, moi especialmente, é unha novela sobre os afectos, sobre o valor da amizade e do amor, sobre a diversidade e a contradición dos sentimentos e, en definitiva, sobre a esencia das cousas que ao final son as realmente importantes na vida”. 

Oito mulleres no Xerais

Na súa intervención ao recibir o premio, María Reimóndez lembrou que ela é a oitava muller que gaña o Xerais nas 31 edicións do premio, e das poucas que o fai cunha personaxe feminina como protagonista. “Teño para min que un dos problemas que se nos presenta como autoras á hora de ser recibidas por un xurado é que as experiencias, pensamentos e vidas das mulleres seguen sendo percibidas no mundo literario coma o particular fronte ao universal que supostamente representan as narrativas protagonizadas por homes ou dende ópticas do masculino”, sinalou a autora que se achegou durante a escrita da novela aos textos e ás biografías de mulleres correspondentes de guerra, desde Sofía Casanova até Marie Colvin.

"As experiencias, pensamentos e vidas das mulleres seguen sendo percibidas no mundo literario coma o particular fronte ao universal"

“Estes textos, algúns deles crónicas de traballo e outros máis persoais, manifestan un enfoque da vida moi afastado desa retórica do heroe occidental que vai "dar voz ás outras". Amosan un afán de proximidade cara a outra e un entendemento complexo dos conflitos, sobre todo porque se miran en conexión coas outras mulleres dende a posición propia”, explicou Reimóndez, nunha posición que comparte como escritora e como muller comprometida desde o seu traballo na cooperación internacional, labor polo que coñece unha grande parte dos territorios que a súa protagonista Saínza Combarro visita como a fronteira entre Ruanda e o Congo, Etiopía, Haití ou Paquistán. “Nese sentido foi doado poñerme na pel da Saínza, moito máis aínda poñer por escrito a experiencia de alleamento que a miúdo vivo cando regreso a estas as nosas sociedades aparentemente desenvolvidas”, afirmou María Reimóndez dunha experiencia persoal que contribuíu a construír o relato da novela gañadora do Xerais. 

Desde o seu primeiro libro,o poemario Moda Galega (Positivas 2202), a autora ten visitado o ensaio, a tradución, e a narrativa con obras como O caderno de Bitácora, O club da calceta, Pirata ou En vías de extinción. Neste mesmo ano, Reimóndez publicou tame´n en Xerais, o ensaio A alternativa está aquí. 

O recetario de acertos literarios de Ledicia Costas

"Toda unha exquisitez literaria elaborado con esmero na súa cociña creativa"

Por unanimidade resultou gañadora do premio Merlín de Literatura Infantil a novela Escarlatina. A cociñeira defunta de Ledicia Costas, unha autora que ten recente aínda a publicación neste mesmo ano de Recinto Gris (Xerais) e conseguiu con O corazón e Xúpiter (Xerais, 2012) o premio Neira Vilas e o da AELG ao mellor libro infantil e xuvenil. 

O xurado definiu Escarlatina. A cociñeira defunta, o "singular recetario para criaturas do Inframundo" como "toda unha exquisitez literaria elaborado con esmero na súa cociña creativa, a partir dunha receita na que todas as súas compoñentes e procedementos foron coidadosamente meditados e que deu como resultado unha narración que tamén ofrece múltiples posibilidades culinarias”. Destacou da novela, os ingredientes da aventura, a emoción, a maxia, os soños, o amor e o humor, asociados “cun elenco de personaxes sobresaíntes no seu deseño e do máis sorprendente”. 

“A acertada elección de ingredientes, o emprego dos utensilios axeitados e a destreza no modo de preparación complétanse cun enfornado extraordinario, que é conseguido a través da magnífica recreación dese Inframundo, no que Escarlatina e Román, que sente auténtica devoción pola cociña, procuran un manxar que guste a vivos e mortos para alcanzaren os seus propósitos”, sentenciou o xurado nunha novela que, de volta, define como “delicia literaria”. 

Un reino do real ao fantástico creado por Eduardo Santiago

"Unha reacción ao gran "boom" das novelas xuvenís de mundos paralelos"

O Gran Reino, é a novela coa que o xurado decidiu premiar a Eduardo Santiago co Jules Verne de Literatura Xuvenil, autor que publicou no pasado ano a novela A teoría do tempo imaxinario (Urco Editora). A novela está protagonizada por Gala, brillante estudante e grande lectora mais fracasada na relación coas amizades pola súa gran competitividade o que a conduce á enfermidade. “En O Gran Reino mestúranse os capítulos da realidade literaria cos fantasiados pola protagonista nos momentos de vulnerabilidade. As entradas e saídas nese mundo fantástico creado pola protagonista concédenlles ás lectoras e aos lectores un respiro na intensa narración dunha vida adolescente marcada pola anorexia, a loucura e a falta de cariño dos pais”, explica o xurado da obra de Eduardo Santiago. 

“Escribín O Gran Reino como unha reacción ao gran “boom” das novelas xuvenís de mundos paralelos dos primeiros anos deste século XXI. Ocorréuseme que había un certo paralelismo co que acontecera a finais do século XVI coas novelas de cabalerías. E se daquela un famoso escritor colleu a pluma para novelar maxistralmente aquel sen sentido, por que non ía poder facer eu algo semellante, salvando as distancias, no século XXI?”, explica o escritor. 

O tradutor Xavier Senín foi o mantedor da velada literaria, iniciu a súa intervención coa relación de Verne con Vigo para defender a lectura como “un pracer e unha necesidade” e viaxar a través de escritores como próximos a el como Juan Farias, Agustín Fernández Paz, Xabier Docampo, Paco Martín, Fina Casalderrey, María Victoria Moreno, Antonio García Teijeiro ou Carlos Carlos Casares no relato do significado da experiencia lectora. Criticou Senín os recortes ás biblitoecas públicas e rematou agradecendo a escritores e escritoras que se dirixen á mocidade porque “cando un escribe poñendo a mente nestas persoas que se están a formar, está obrigado a recuperar a esperanza. Uns e outras agasalláronme con palabras, palabras coas que podemos vencer o tempo e o espazo”, dixo.