FINA CASALDERREY REIVINDICA A FACETA ACTIVISTA DA ESCRITORA

María Victoria Moreno e o compromiso coa lingua

María Victoria Moreno e o compromiso coa lingua
Fragmento dunha ilustración de Hhebagonzalez a partir dun retrato de de María Victoria Moreno.
Fragmento dunha ilustración de Hhebagonzalez a partir dun retrato de de María Victoria Moreno.  

“Aínda que non escribise, só polo que fixo ate 1973, polo seu maxisterio, o seu compromiso coa lingua, María Victoria Moreno xa merecería o Día das Letras”. Eis o primeiro que sinala a escritora e académica Fina Casalderrey (Xeve, 1951) cando é preguntada pola autora de Anagnórise: “Foi unha gran descoñecida, porque entre as súas prioridades non estaba a conquista dos escaparates”.


Casalderrey é, canda a tamén escritora e académica Marilar Aleixandre (Madrid, 1947), coautora de María Victoria Moreno. A muller que durmía pouco e soñaba moito (Xerais, 2018). Trátase dunha biografía dirixida a lectorado infantil e xuvenil. “Queriamos que os rapaces e rapazas comecen a formar parte desa fundación María Victoria Moreno que forman os seus ex alumnos e ex alumnas”, explica.

Entre as que se atopa a propia Fina Casalderrey. “Dedicou máis tempo a facer creadores que a crear”, indica, “e falo por experiencia propia. Foi a miña profesora en cursos de perfeccionamento de lingua”. Un idioma, o galego, que a escritora de Valencia de Alcántara, en Cáceres, adquiriría ao pouco de chegar a Galiza.  “Aos cinco anos, en 1968, xa daba as clases dos venres en lingua galega, no Instituto Feminino, hoxe Valle-Inclán”.

moreno casalderrey

Moreno (1939-2005), docente de lingua e literatura española, dominaba tamén o francés, o catalán e o italiano. Na súa aula instaba ao alumnado “a asumira as responsabilidades individuais en colectivas en defensa do galego”. E contra 1971, as primeira reivindicacións públicas dunha lingua oprimida, a raíz duns xogos florais en Guimarães en participou cun relato en castelán e outro en galego. Nese tempo iniciou tamén o seu apostolado: cursos gratuítos por todo o país “para espallar a literatura e a lingua galegas”.

Non era unha época doada. Ningunha o é, pero en 1974, a policía retiroulle o pasaporte. Uns meses antes prohibiran a presentación da histórica, polémica antoloxía Os novísimos da poesía galega -cuxo limiar Casalderrey cualifica de “marabilla literaria”. Mais lonxe do seu ánimo o ceder: a libraría Xuntanza, en Pontevedra, contouna aquel mesmo ano entre as fundadoras.

“Era unha libraría sen caixa rexistradora, como a Xistral de Manuel María en Monforte de Lemos, e sen mostrador”, lembra Casalderrey, “onde podías conseguir libros prohibidos na trastenda, e que apoiaba os presos políticos. Moitos dos seus familiares, sobre todo vascos, ían a Xuntanza por libros para levar á Parda [antiga prisión de Pontevedra]”.

A cultura era, para Moreno, un asunto complexo, con dimensións diversas e non unicamente reducida aos focos e á atención. Por iso foi sobre todo, segundo a súa biógrafa, “unha activista cultural comprometida, galega no sentir e no vivir”.



x