Marica Campo recibirá homenaxe da AELG no seu Incio natal

Marica Campo recibirá homenaxe da AELG no seu Incio natal
Marica Campo
Marica Campo  

“Nacín no Val do Mao, no concello do Incio, ao Sur de Lugo, e alí pasei os meus primeiros anos”. Así comeza un texto autobiográfico da escritora Marica Campo que será homenaxeada na súa terra do Incio pola AELG, ao lle conceder a súa letra E.


O Incio é o concello escollido pola propia Marica Campo para que os seus compañeiros e compañeiras das letras lle rendan homenaxe outorgándolle a letra E que vencella a quen recebe o tributo coa súa terra. Alí naceu Marica Campo e alí volvía nos inesquecíabeis veráns no Val do Mao que a escritora lembra como “un espazo para a liberdade e as aventuras infantís. Dese tempo, son as “mil e unha trasnadas” protagonizadas polas sete irmáns máis o irmán e un curmán que compartían xogos de verán.

Naceron alí tamén os primeiros escritos dunha autora que conta xa cunha ampla e recoñecida bibliografía na que visita diversos xéneros, da poesía á narrativa, pasando polo xornalismo ou o ensaio. “Eu, xa de moi nena, escondíame nun pombal que había no fondo da horta para escribir historias que me inspiraban as cancións que escoitaba na radio ou no gramófono ao que lle había que dar manivela”, lembra no seu relato autobiográfico recollido na propia páxina da AELG da escritora que é tamén autora de numerosas letras de cancións.

Humoristas Bos e Xenerosos

Xosé Lois, “O Carrabouxo”, Pepe Carreiro, Xaquin Marín, Siro López e Gogue son, para a AELG, os “Bos e Xenerosos” desta edición do 2013, cinco humoristas gráficos que recollerán de forma colectiva o galardón anual das persoas protagonistas da literatura. En canto ás institucións, o galardón da entidade presidida por Cesáreo Sánchez Iglesias decidiu recoñecer o traballo das asociacións culturais nacidas nos anos setenta e oitenta. O Galo de Compostela, O Facho e Alexandre Bóveda da Coruña, Auriense de Ourense, Lumieira de Carballo, Medulio de Ferrol e Francisco Lanza de Ribadeo son as agrupacións que naceron con vontade de difundir e apoiar a cultura galega e que despois de máis de catro décadas continúan en activo.

Confirmouse tamén o Premio AELG 2013 á Escritora Galega Universal para a portuguesa Lídia Jorge e sumou un novo galardón, o de “Mestres/as da Memoria” que premiará a informantes da literatura de tradición oral que contribuíran de maneira decisiva a recuperar o noso patrimonio.

Galeusca en Pontevedra

A AELG será desta volta a anfitriona do convívio entre as literaturas catalá, vasca e galega que cada anos ten lugar nunha das tres nacións. Á asociación galega decidiu que esta trixésima edición que lle toca organizar terá lugar na cidade de Pontevedra no mes de novembro e estará dedicada á literatura infantil e xuvenil.

Finalmente, a asembela da AELG aprobou renovar o anterior Consello Directivo incorporando ás escritoras Rexina Vega e Alicia Fernández.