Marilar Aleixandre, a sexta muller que entra na RAG

Marilar Aleixandre, a sexta muller que entra na RAG
Marilar Aleixandre
Marilar Aleixandre  

A escritora convértese mañá sábado na sexta muller académica de número, en substitución de Xosé Neira Vilas. 


A escritora, bióloga, profesora e investigadora ingresará na RAG nunha sesión extraordinaria que terá lugar mañá 14 de xaneiro, a partir das 12 horas, no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela (Facultade de Xeografía e Historia), institución na que é catedrática de Didáctica das Ciencias Experimentais. A nova académica ocupará a cadeira que ficou vacante  polo pasamento de Xosé Neira Vilas. Na sesión de recepción lerá o discurso titulado "Voces termando da paisaxe galega", ao que lle dará resposta a membro de número da RAG Fina Casalderrey.

Con Aleixandre xa son seis mulleres no Pleno da rúa Tabernas (dun total de 27), xunto con Rosario Álvarez, Margarita Ledo, Fina Casalderrey, Luz Pozo e Xohana Torres. E pronto serán sete coa chegada de Chus Pato, que entra no lugar do tamén falecido Xosé Fernández Ferreiro.

Con Aleixandre xa son seis mulleres no Pleno da rúa Tabernas (dun total de 27), xunto con Rosario Álvarez, Margarita Ledo, Fina Casalderrey, Luz Pozo e Xohana Torres. E pronto serán sete coa chegada de Chus Pato.

Marilar Aleixandre (nada María Pilar Jiménez Aleixandre) naceu en 1947 en Madrid e chegou a Galiza nos 70 para empezar a traballar como catedrática de ensino secundario en Vigo. Como antes fixera na súa cidade natal, axiña participou activamente na resistencia clandestina ao franquismo: foi líder do movemento veciñal e participou na fundación da primeira asociación feminista galega (a Asociación de Mulleres do Calvario).

Como especialista en didáctica da ciencia, Marilar Aleixandre foi pioneira no uso do galego como lingua vehicular no ensino das ciencias: foi coautora dos dous primeiros textos de ciencias naturais en galego e do primeiro Vocabulario das Ciencias en galego, en colaboración co Instituto da Lingua Galega (1991), e doutros moitos materiais, itinerarios, artigos e ensaios sobre o ensino das ciencias. 

Como escritora, a faceta pola que é máis coñecida, Marilar Aleixandre conta cunha frutífera traxectoria, sempre desenvolvida en galego e recoñecida tanto pola crítica (suma dezasete galardóns) como polo público lector a través de máis de corenta títulos. A súa obra foi traducida ao portugués, castelán, chinés, catalán e éuscaro, e tamén recollida en antoloxías en inglés. Na narrativa para adultos mereceu o Premio Álvaro Cunqueiro (1998) por 'A compañía clandestina de contrapublicidade'; e o Premio Xerais de 2001 e o Premio San Clemente 2002 por 'Teoría do caos'. Como poeta publicou títulos como 'Catálogo de velenos' (Premio Esquío 1998), 'Mudanzas' (Premio de Poesía Caixanova en 2006) ou 'Desescribindo', saído do prelo o pasado mes de decembro. Tamén ten cultivado o ensaio, a biografía e o guionismo de banda deseñada, ademais de ser a tradutora ao galego de varias obras.