O crítico Mario Regueira elixe 'Cabalos e lobos' como a mellor novela do ano

O crítico Mario Regueira elixe 'Cabalos e lobos' como a mellor novela do ano
Mario Regueira
Mario Regueira  

O crítico de libros de Sermos vén de publicar no seu blog os tres mellores libros galegos de 2015: 'Cabalos e lobos' de Fran P. Lorenzo en novela; 'Seique' de Susana Sánchez Aríns en poesía e 'Marxes e centros. Para unha socioloxía do campo cultural', de Antón Figueroa, en ensaio. 


De 'Cabalos e lobos' (Xerais) Regueira non só a considera a mellor novela do pasado ano, senón tamén “unha das máis destacadas do último lustro da literatura galega”. Da novela do vigués Fran P. Lorenzo, tamén unha das máis vendidas do pasado ano, destaca que é “unha obra cun inicio espectacular e un ritmo absolutamente envexábel que consegue mergullarnos nunha historia na que o paso das guerras e da represión franquista enmascara un pasado familiar que iremos descubrindo pouco a pouco".

No caso da poesía, Regueira elixiu 'Seique' (Através) de Susana S. Aríns, un libro híbrido que “aborda as cuestións da memoria e do legado da guerra civil española dunha forma completamente innovadora para a literatura galega”.

E no eido do ensaio, a escolla de Regueira foi 'Marxes e centros. Para unha socioloxía do campo cultural', de Antón Figueroa (Laiovento). Nel o catedrático de Literatura Francesa da USC “recompila unha parte importante dos seus artigos dos últimos anos, a maior parte deles referidos coherentemente a unha perspectiva sociolóxica sobre o desenvolvemento das culturas, e especificamente de culturas periféricas ou subalternas como a galega”.