REEDITADO EN GALEGO O LIBRO DA CUBANA PAQUITA ARMAS

Marx contra os marxistas

Marx contra os marxistas
Karl Marx e Jenny von Westphalen.
Karl Marx e Jenny von Westphalen.  

Cada xeración vive a historia en presente. Mais nos anos de Karl Marx (Tréveris, 1818 - Londres, 1883) sobre a terra, esa historia parecía entrar nun feroz remuíño. O capital desenvolvíase violento e vigoroso en Inglaterra. Francia coñecía unha revolución a cada tanto, Comuna incluída. Bismarck gobernaba Alemaña e na América do Norte comezaba a Guerra de Secesión.


Este foi o mundo en que Marx despregou a formidábel enerxía do seu pensamento. A xornalista cubana Paquita Armas Fonseca sintetizou ambos os dous elementos -a vida e a obra- en Karl Marx. O eterno rebelde, que vén de reeditar en galego Laiovento. “Carlos Marx fai 200 anos o 5 de maio de 2018”, escribe no limiar escrito para a ocasión, “e digo fai porque segue vivo aínda que el mesmo soltase unha sonora gargallada se alguén lle predixese que dous séculos despois sería un home polémico”.

 

carlos marx o eterno rebelde

O ensaio de Armas Fonseca, versión do orixinal de 1996 Mouro. O eterno rebelde -traballo empregado no ensino-, é sobre todo un ataque contra o dogma. “Todo o que sei é que eu non son marxista', dicía Marx no propio século XIX”, lembra, “o corpo teórico desta filosofía estivo en crise desde o seu nacemento, pero nunca foi quebrantado”.

 

A nova introdución á obra explica para que serve e para que non serve o marxismo. A xornalista, que nunha entrevista de 2010 facía memoria sobre como lera O Capital aos 14 e non entendeu “nada”, desbota o carácter de “recetario” das teses de Marx. Afirma que cómpre saber algo das circunstancias históricas en que pensou e dos seus referentes intelectuais -de Shakespeare a Hegel.

 

E que nin foi un santo nin hai que chegar a el por estradas secundarias: “Hai que entrarlle de fronte, léndoo na súa esencia, repetindo a lectura sobre parágrafos ou páxinas que unha non entende”. Porque o autor do Manifesto Comunista é, aínda, crucial para “comprender o capitalismo. Non se poden entender os procesos sociais do século XXI sen os instrumentos que facilitou Marx no XIX”. A plusvalía, a dialéctica volta do revés e a defensa dunha prensa “clara, eficaz e directa” cóntaos entre o seus achados fundamentais.

 

“O que sei é que o capitalismo non pode ser o fin da sociedade humana, con toda a súa carga de odio”, conclúe a autora o prólogo, datado na Habana o 25 de decembro de 2017. En que cita ao Marx mozo, daquela director da Gaceta Renana, que lle escribía a Arnold Ruge todo un programa de acción e teoría: “Se sigo neste posto é porque considero un deber estorbar a realización das intencións do Poder na parte que a min me toca”. 



x