ANIVERSARIO

O Marx en galego e a súa descendencia

O Marx en galego e a súa descendencia
Karl Marx.
Karl Marx.  

O pensador que marcou o século XX tamén respirou en galego. Non moito, é certo. Mais o seu rastro atópase en traducións, na obra de autores no seu ronsel intelectual, en traballos achegados a organizacións políticas que se reclaman do seu ideario. A dous séculos do nacemento de Karl Marx - 1818-, o seu espectro segue a roldar.
 


manifesto comunista

O Manifesto Comunista (1848) é o único dos libros de Marx -coescrito con Friedrich Engels, neste caso- con versión galega. De 1976 data a primeira, atribuída a Xoán Andeiro -probabelmente un pseudónimo- e publicada pola editiorial Nova Galiza, próxima ao Partido Comunista. No mesmo ano, a editorial madrileña Akal deu ao prelo a tradución de Isaac Alonso Estravís.

robespierre labica

Non foi ate 1998 que Xerais colocou nas librarías a realizada por Franck Meyer, que conta varias reedicións. E Primeira Linha, organización política independentista, sacou unha adaptación á norma AGAL da versión portuguesa de Avante, a editorial do Partido Comunista Portugués.  

Ademais do célebre manifesto, só hai outro volume exento de Marx en galego, o singular Manuscritos matemáticos (Xerais, 1987), "prologados e comentados por Xenaro García Suárez".

Ningún outro texto longo de Marx existe fóra da Rede -a Biblioteca Marxista Galega, no web de Primeira Linha, non contén traducións directas, senón adaptacións do portugués. Malia a fulcral importancia do Capital (1867-1894), a Contribución á crítica da economía política (1859) ou mesmo da Ideoloxía alemá (1845), non houbo iniciativas editoriais de traducilos.

Autores contemporáneos da tradición marxista si contan con versións galegas dalgúns dos seus textos fundamentais. Robespierre. Unha política da filosofía (Laiovento, 1994), de Georges Labica, recupera a figura do revolucionario francés para a esquerda. A adscrición de Alain Badiou ao marxismo resulta algo máis problemática, pero o certo é que dedicou Dun desastre escuro e outros textos (Laiovento, 1995) a advertir das consecuencias da caída do Muro de Berlín.

o marxismo e as linguaxes

Do esloveno e popular Slavoj Zizek, cuxa aproximación a Marx resulta heterodoxa, por veces ecléctica, apareceu O espectro segue a roldar (Actualidade do Manifesto Comunista) (Laiovento, 2005). E de Michel Löwy, brasileiro residente en Francia e de filiación trotskista, Patria ou terra nai? (Laiovento, 1999) -unha defensa da autodeterminación desde a perspectiva marxista- e mais o interesantísimo A estrela da mañá. Surrealismo e marxismo (Laiovento, 2005).    

Tamén Laiovento se encargou de colocar no sistema galego a biografía Marx. O eterno rebelde (2018), da xornalista cubana Paquita Armas Fonseca, e mais a compilación de textos Aínda O Capital. Novas perspectivas acerca de Marx e O Capital en Alemaña (2009), coordinado polo profesor vigués residente en Berlín José María Durán Medraño (Vigo, 1971). O volume xunta seis reflexións, maiormente adscritas á corrente da crítica do valor, sobre a obra fundamental de Marx.

No ronsel


O propio Durán Medraño valeuse do método e das ferramentas analíticas fornecidas polo de Tréveris para o seu ensaio Da natureza de escritores, artistas e vermes. Ensaio sobre o pracer do traballo nun diálogo con Karl Marx (Galaxia, 2013), premio Ramón Piñeiro. Como David Rodríguez (Vigo, 1975), no seu recente O canastro sen tornarratos. Resistencia popular na era do capitalismo sen democracia (Xerais, 2018), ou Francisco Sampedro (A Coruña, 1956), un ensaísta marcado por Louis Althusser e Alain Badiou -de quen foi alumno- en libros como A violencia excedente (Laiovento, 2007).

do capitalismo colonial

Eis o punto en que se abren os territorios intelectuais que fertilizaron Karl Marx e os seus descendentes. Malia a coñecida anécdota segundo a que el se confesou “non marxista”. En 1978, o filósofo Felipe Martínez Marzoa (Vigo, 1943) deu ao prelo Ensaios marxistas (Rueiro), e dous anos despois, (Re)introdución ao marxismo (Xerais). Seguiu afondando, mais xa en castelán. É profesor na Complutense de Madrid.

Outro profesor de filosofía, Antón Baamonde (Vilalba, 1957), reflexionou sobre O marxismo e as linguaxes (Galaxia, 1988). E Xesús Alonso Montero, académico, experto en literatura, xuntou unha boa présa de historias de vida en Intelectuais marxistas e militantes comunistas en Galicia (1926-2006) (Xerais, 2007). A pegada de Marx, no entanto, resulta moito máis extensa do que suxiren os escasos títulos que levan o seu nome no título.

Na reconstrución do nacionalismo

A reconstrución do nacionalismo na década dos sesenta estivo determinantemente marcada pola indixenización do marxismo. Os estudos de Xosé Manuel Beiras (Santiago de Compostela, 1936), con O atraso economíco de Galiza (1973) á cabeza, constituíron unha das tentativas máis influíntes. A quen, por certo, responderon Emilio Pérez Touriño (A Coruña, 1948) e Xosé Colino en Economía campesiña e capital (Galaxia, 1983), tamén de óptica marxista pero na órbita do PCG.

dende galicia marx

Outro economista, Ramón López Suevos (Ferrol, 1943), ex dirixente da Unión do Povo Galego, investigou as teorías da dependencia e os marxismos do Terceiro Mundo para os adaptar á realidade nacional galega. Do seu escritorio saíron, por caso, Escedente económico e análise estrutural (Galaxia, 1977) ou Do capitalismo colonial (Edicións do Cerne, 1979). Con Francisco Rodríguez (Ferrol, 1945) realizou máis un texto de cabeceira para o nacionalismo de esquerdas na Transición: Problemática nacional e colonialismo: o caso galego (1978).

A desaparecida Ediciós do Castro, do grupo Sargadelos, conmemorou en 1985 o centenario da morte do máis decisivo dos pensadores europeos. Dende Galicia, Marx, coordinado por Xosé Vilas Nogueira e Carlos Barros, agrupaba un monllo de achegas e ensaios que conformaron, talvez, o último dos recoñecementos editoriais á figura.



x