ALBERTO RAMOS, ESCRITOR

“A materia prima da literatura e o xornalismo é a mesma, unha real e outra deformada”

“A materia prima da literatura e o xornalismo é a mesma, unha real e outra deformada”
Alberto Ramos
Alberto Ramos  

Con Máscaras rotas para Sebastian Nell, (Editorial Galaxia) o escritor e xornalista Alberto Ramos fíxose co Premio de Novela Manuel García Barros. Artella o autor unha longa entrevista para contar a vida dun actor secundario do teatro inglés. 


Na súa cuarta novela, todas premiadas e publicadas, Ramos recoñece dar un pincho e acadar unha altura literaria que nin el mesmo sospeitaba. Mergullado no mundo teatral inglés, Ramos artella unha obra na que se conta a biografía dun actor a través dunha longa entrevista. 

-O protagonista é un actor secundario do grande teatro inglés atormentado no seu último tempo de vida. Como chega ao perfil deste personaxe arredor do que xira a novela?

Antes que o personaxe estaba a estrutura. Tiña claro que quería que fose orixinal. Non coñezo ningunha novela na que o noventa por cento sexa diálogo como acontece nesta ocasión que a grande parte do texto é unha entrevista. O formato estaba pensado antes e, deste feito, nun primeiro momento optara por un fotógrafo dos anos setenta que estivese no Madrid da Transición mais logo, pola miña querenza polos actores secundarios, dos que pintan canas, optei polo perfil de Sebastian Nell. En definitiva, todos somos actores secundarios doutras vidas que, dalgunha maneira, fan a nosa propia. Interesábame o papel de actor secundario e un día deume por pensar en Derek Jacobi e decidín centralo no teatro, outro ámbito que para min é moi próximo. Conxúganse, polo tanto, tres elementos, por un lado o interese no secundario, a necesidade de optar por un novo formato e tamén o desexo de facer protagonista a un perdedor, un antiheroe, repugnante, mesquiño, misóxino e homófobo polo que, malia iso, podemos chegar a ter certa admiración e mesmo compaixón. Un miserábel da factoría de Cambridge.

"Conxúganse tres elementos, por un lado o interese no secundario, a necesidade de optar por un novo formato e tamén o desexo de facer protagonista a un perdedor, un antiheroe"

-Como di, a maior parte da novela é unha entrevista xornalística a un home de teatro. Xornalismo e teatro -tamén na súa parte comunicativa- son ámbitos do seu traballo.

Xa, mais o xornalismo neste caso é secundario, toma parte do envoltorio e do xogo, ao mellor tamén polo desexo de que o xornalismo se converta tamén na realidade en algo secundario para min. A entrevista é unha canle para sacar a historia.

-Recrea unha situación que é un agasallo para calquera xornalista. Atoparse diante dun personaxe cunha gran historia.

E non só para un xornalista. Atopar cunha persoa que che conte a vida enteira, como se é o típico borracho na barra dun bar, que ven sendo tamén o caso de Sebastian Nell. Recorre á xornalista porque non ten con quen falar. Na ansia de curiosidade de todo o mundo está a vontade de se sentir confesor e, se é dunha grande historia, mellor. A nivel profesional, está claro que calquera xornalista querería entrevistar a unha persoa cunha grande historia. Para min, é o verdadeiro sentido do xornalismo: contar historias.

-Xa que o di, a entrevista por veces semella psicoanalítica...

Máis que unha xornalista busca unha confesora e un psiquiatra que analice a súa vida. No fondo é un doente e un solitario que establece unha relación especial cunha xornalista que lle fai unha entrevista de dous días enteiros.

-Personaxe de ficción mais envolto en realidade, con personaxes que existen. Por que documentou tanto a novela no mundo do teatro inglés?

Cumpría encadrala na tradición teatral, xogar con todo o que o rodea e iso precisaba moita documentación. Quería que, en ceta medida, estivera presente toda a constelación e grandes actores do teatro británico, que xa coñecía bastante. O resto era enfiar a biografía e darlle credibilidade. Malia iso, o rigor está subordinado á grande historia. Hai personaxes reais e inventados e personaxes reais literaturalizados. Se pensamos en teatro con maiúscula pensamos no teatro británico e por iso decidín tirar de aí o protagonista.

"Un periodista non ten que ter cinco mil seguidores en twitter, ten que seguir a cinco mil persoas. O traballo dun xornalista é contar, mais debemos escoitar máis para contar ben". 

-A entrevista, por veces, semella un encontro de boxeo con sentimentos moi agudizados. Quixo facer unha novela de emocións?

Dáse un proceso moi recorrente de quixotización. Ao comezo pensas que a xornalista é moi recta e el un miserábel e coas páxinas esas personalidades se cruzan, conflúen. As súas ambicións son noxentemente humanas e non son só do ámbito do xornalismo ou o teatro. Nestes campos posibelmente o exhibicionismo é maior mais é case condición humana.

-Sendo vostede xornalista, por que deixa tan mal parada a profesión?

Defendo que o xornalista ten que, na medida do posíbel, saír do seu traballo e desconectar. Moitas veces, os xornalistas viven nunha ilusión o seu traballo, consideran que teñen máis relevancia da real. Un periodista non ten que ter cinco mil seguidores en twitter, ten que seguir a cinco mil persoas. O traballo dun xornalista é contar, mais debemos escoitar máis para contar ben. Se cadra andamos a falar en exceso e retroalimentándonos demasiado a nós mesmos nas redes para cumprir ese obxectivo. 

-Ás veces síntese que un xornalista é un escritor frustrado... 

Non concordo con iso. A liña que separa unha da outra é fina mais é a forma o que distingue. A realidade é a mesma. O xornalista vai escribir a realidade e o escritor deformala. A frustración do xornalista é non traballar nunca na súa profesión, como adoita pasar agora. A materia prima é a mesma, por moi surrealista que sexa na literatura. A forma de moldeala é diferente. 

"Neste libro forcei un grande cambio, non ten nada a ver cos anteriores. Gocei como non o fixera nunca escribindo".

-Esta é a cuarta novela súa, todas premiadas. O premio é unha necesidade para entrar no mundo editorial?

Non creo que sexa a única maneira mais é unha máis e a que eu prefiro. Prefiro someterme ao anonimato que achegarme a un editor cun libro. Nestes tempos tampouco hai que obviar as motivacións económicas e a min os premios sérvenme para sobrevivir.

-Que supón esta nova novela máis complexa con respecto ás anteriores?

Neste libro forcei un grande cambio, non ten nada a ver cos anteriores. Gocei como non o fixera nunca escribindo.  Esquecía todo, converteuse nunha vía de escape inmensa. Considero que alcancei un nivel creativo co que non contaba. Cando comecei non primeiro parágrafo non contaba co que o resultado fose tan satisfactorio. 

-Como lerían a súa novela en Londres?

Ao mellor a destrozaban!! Ou pode ser que me sorprendera, que sei eu! O libro ofrece unha visión da cultura inglesa desde nós, cos nosos estereotipos. 

-E, ao contrario, que os actores e actrices foran [email protected]?

Depende do sentido do humor. Non é o mesmo, certamente, que fale de personaxes de alí que de aquí. Eu non coñezo a Jacobi ou a Olivier...  que aparecen cos seus propios nomes. A novela ten moito de mitomanía. Iso si, centrala no ámbito galego, tería moito máis de gamberrada.